Un bico na rúa

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

01 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

O OUTRO día vin unha parella de adolescentes bicándose nunha rúa de Carballo que está preto do instituto Alfredo Brañas. Orballaba pero parecía non importarlles nadiña que a auga escorrera polas súas meixelas e que a xente pasara apresurada resgardándose cos seus paraugas negros do temporal. Alí estaban os dous, nunha beirarrúa, alleos a todo, ó mundo mesmo, enganchados polos beizos, falando con esas palabras que só existen nas linguas que se buscan. Pode ser que sentira unha miga de envexa ó ver aquela estampa tan fermosa, coa banda sonora dun camión que a esa hora atravesaba a Gran Vía. Eles os dous sen máis armas ca unhas carpetas que se mollaban baixo a auga de final de outubro. E mentres o planeta dando voltas de pinchacarneiro , nesa loita premeditada por facer o posible para chingar ó próximo. Dicía un meu veciño «¡se os traballiños que se pasan para darlles na cabeza ós demais os empregaramos para vivirmos ben esta vida que corre coma os lóstregos¡». E velaí a felicidade simbolizada neses beizos que turran facéndolle un corte de mangas ó ceo encapotado de outono. Xa pode Pemán dar temporal con olas de catro a cinco metros con ventos racheados. Na rúa dous conductores atorrantes insúltanse por querer aparcar enriba da liña amarela, outra parella de idade indefinida cruza cara a praza con xesto cansino e olladas grises coma o cemento e a uralita vella. ¡Quen levara debaixo do brazo un libro de segundo de bacharelato e nos beizos a ledicia do instante! Despois esa foto na carteira que algún día desaparecerá tal e como veu, nunha tarde de choiva de outono. Como quen non quere a cousa. E aí vai o intervalo entre este bico e o olvido.