RADIOGRAFÍAS | O |
28 oct 2003 . Actualizado a las 06:00 h.HAI UNHA semana estiven polo Courel, unha serra que ten universalizado un dos mellores poetas galegos da segunda metade do século pasado: Uxío Novoneyra. Fun ata o municipio de Folgoso do Courel e coñecín aldeas coma Seoane ou Vilamor que se atopan encravadas na montaña. A paisaxe é radicalmente distinta á nosa, á actual quero dicir, bosques enteiros cheos de árbores autóctonas onde resulta case exótico atopar un só eucalipto. Para chegar ata Vilamor tiven que atravesar unha estrada de montaña con innumerables curvas e unha calzada ben estreita. Entrei co coche nos rueiros desta aldea e a pouco máis me queda o coche afustado entre as casas de pedra. Saín e o silencio máis intenso apoderouse de todo. Polos carreiros andaban algunhas galiñas e porcos ceibos, da xente nin o menor sinal. Despois dun bo anaco vin pasar unhas vacas do país cun señor xa maior. Achegueime a el e empezou a falar comigo moi animadamente. Levoume canda el para ensinarme a igrexa, «eu sonlle o sancristán da parroquia, pero por haber xa non hai nin fregués». Díxomo cunha tristura inmensa, nalgún tempo a aldea estivera chea de vida e hoxe a penas quedaban máis ca un fato de vellos. Preguntoume de onde era. Díxenlle que da zona de Carballo, «pois eu coñezo xente de aló que estivo comigo no servicio en Santiago no ano 53». Empezoume a dicir nomes e estrañábase moito de que eu non os coñecera. Marchei con castañas e mel. Acompañoume ata o coche e díxome saúdos para «os de Carballo». Pensei que o home aínda tiña o lema de «o tempo dáo deus de balde» mentres vin polo retrovisor que seguía eternizando coa man levantada a despedida.