«A escrita de máis calidade que se fai en Galicia é a dramática»

CARBALLO

Entrevista | Francisco Pillado O profesor universitario realizou en Carballo, o único lugar no que ofrece conferencias, unha homenaxe ós precursores do teatro galego

16 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

Francisco Pillado Mayor aparece vencellado case sempre ó arquivo teatral da Universidade da Coruña que leva o seu nome. Lóxico, tendo en conta que cedeu unha biblioteca completa con xoias coma unha versión bilingüe en grego e galego de Poética, de Aristóteles. O mércores estivo en Carballo, o único lugar no que, di, ofrece conferencias. - ¿É certo que só fala en público en Carballo? -Si. Levo bastante tempo afastado, e realmente vou a Carballo porque sempre recibín un trato exquisito. Invitoume Lumieira, no 1986, coincidindo co centenario de Valle-Inclán, e sempre volvín. Eu son un optimista resentido, estou farto de bastantes cousas, pero en Carballo síntome ben, síntome sempre coma na casa. - Esta vez, ademais, acudiu a un escenario novo . -E un escenario espectacular. Chamoume Belén Lendoiro porque estaba organizando a exposición do Museo de Ribadavia e hai unha parte que é a Biblioteca Francisco Pillado. Pero eu quixen falar dos inicios do teatro galego, porque fai pouco tempo lin nun xornal que o teatro galego nacera no tardofranquismo. Dicir iso é un disparate. E quixen render unha homenaxe ós homes e mulleres que fixeron posible o teatro galego. - ¿Existe un teatro especificamente galego? -A nacionalidade do teatro vén definida polo idioma. Os temas son universais: o amor, a morte.... pero hai cuestións moi propias dun momento determinado. Eu quixen renderlle homenaxe ós pioneiros. A primeira obra galega da que hai constancia de que foi representada, en 1882, na Coruña, foi A fonte do xuramento , de Francisco María de la Iglesia. E non atoparon a ningunha muller que fose quen de subir ó escenario e falar en galego. Ó final foi unha francesa que residía desde facía anos na Coruña a que fixo o papel. - Non estaba ben visto. -Incluso se facían chamamentos na prensa pregando ó público que fose respectuoso, porque ían a mofarse dos actores porque facían teatro en galego. Nesas condicións tan hostís tiñan que desenvolverse. - Aínda hoxe segue sendo difícil facer teatro. -Hoxe é moi difícil. Primeiro porque carecemos dunha política teatral axeitada. O primeiro que hai que facer desde as Administracións é dotar ós profesionais do teatro de medios para poder traballar, incluída unha escola, que se vén reclamando e que é basica. - ¿E temos bos autores? -O teatro galego ten moi bos escritores e escritoras. Eu penso que, hoxe, a escrita de máis calidade que se fai en Galicia é a dramática.