Peloteando ó conselleiro

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

07 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

TEÑO UNHA AMIGA que sempre me recorda o refrán de «obras son amores y no buenas razones». E seguramente teña razón, sobre todo nunha zona como a nosa na que obras habelas hailas, pero non sempre con sentidiño. Non se estudia o para qué dalgunhas cousas e pasa o que pasa: pistas deportivas con labazas e saramagos, casas da cultura dedicadas a toxo e ortigas ou monumentos non se sabe moi ben a qué. Claro que tamén é certo que teño unha boa dose de envexa que me corroe porque para min o meu soño sería ser ministro de Fomento e no seu defecto conselleiro da noutrora temible e nunca dabondo peloteada Cotop. En caso de non chegar a ningún destes cargos, nin a delegado provincial de infraestructuras, conformaríame con ser concelleiro de Obras nalgún municipio da comarca. Xestionar camións de grava e chapapote e asfaltar as eiras de todos os veciños. A discreción. Sen importarme se votaron polos nosos. Asfaltar, a quen o pida, por suposto, o chan da cociña, o cortello dos porcos ou a saliña de estar, «a ver home a ver, hai que botarme aquí un pouco de zahorra». No problem. Non me ía importar que algún columnista falara de prevaricación con fondos públicos e que os da oposición ameazaran con inhabilitarme (se non lles asfalto, en efecto). ¿Que Concello que se prece non lle bota unhas padeadas a un veciño que o pida?. O que non o fai é que nin ten corazón nin sentido da rendibilidade política. O noutrora meu admirado Xosé Cuíña sabía de obras coma ninguén, para que un país avance fai falla moito chapapote (sen dobre senso) e autovías. Asfaltar é amar, porque «obras son amores y no buenas razones». Se me quixera con el Núñez Feijoo...