Psicoloxía do euro

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

04 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

DÍGOLLES QUE teño a sensación de que dende hai uns anos para aquí á maioría da xente cústalle máis chegar a fin de mes. Quizais sexa unha opinión subxectiva. Pero a min non mo quitan da chencha que coa leria do euro, xa vén vostedes, subiu todo. Repasen mentalmente a cantidade de productos de uso diario que se «inflamaron» máis dun 20% dende que se implantou a moeda única. Claro que cando se aumentan os salarios faise cun misérrimo dous por cento que fai que cada traballador perda uns puntiños de capacidade adquisitiva. A dolce vita de cando os bares, pubs e restaurantes se enchían case a diario está dando paso a un horario europeo onde ás dez da noite non hai case ninguén na rúa, principalmente porque non hai un peso (perdón, un euro). Á maioría dos mortais póñennos cabeza a baixo e con sorte cáenos dos petos cincuenta céntimos e un boleto con dúas apostas para a primitiva. ¡Que pouco poética é a vida! E menos mal que somos europeos, din mecanicamente os telexornais, e que lideramos ó continente nestes tempos de recesión económica. Ó remate ían ter razón os vellos, coma case sempre, que dicían que isto do ouro non sei, non sei. Miña avoa paterna que ten xa noventa e moitísimos anos negouse a entender o cambio e coma ela moitos outros, «non os entendo nin me ghustan nadiña os cartos novos». A pesar de que estea convencido de que non hai unha lata, teño que recoñecer que o euro ten algo de bo; por exemplo: antes un piso custaba corenta millóns e un asustábase, agora dinche 240.000 euros e quedas tan pancho: «pois tampouco me parece tan caro». Necesito un psicólogo con máster en «efecto euro» ou quizais unha miga de sorte na quiniela.