«A Barca é das poucas festas que conservan a tradición»

CARBALLO

Entrevista | Alberto Blanco Rodríguez

11 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

A romaría de A Virxe da Barca que comeza hoxe en Muxía ten un sabor especial. Co pobo recuperándose da maior traxedia ecolóxica da súa historia, a concentración da fin de semana será un exame do estado de saúde do santuario da Barca despois da chegada do fuel, e de cómo responden os romeiros á nova situación que xurdiu do Prestige . Alberto Blanco, alcalde de Muxía, non dubida de que a resposta será máis que positiva e de que non quedarán dúbidas de que os traballos realizados durante todos estos meses non pasarán desapercibidos ós que aínda relacionan Muxía co desastre ecolóxico. Blanco destaca especialmente a máis que previsible visita de centos de voluntarios que regresarán para as festas grandes do pobo e que poderán saber de primeira man que todo o que se fixo ten un resultado visible. - A romaría de A Barca é unha das festas máis populares de Galicia, probablemente a máis concurrida. ¿Canta xente pode pasar por Muxía durante os días de festa? -É difícil calculalo, pero desde que comezou a novena cerca de dúas mil persoas chegan cada día ata o santuario. En total, é fácil que más de 100.000 persoas pasen por Muxía durante toda a romaría. O culto está moi arraigado entre a xente de toda a zona. - ¿Como se pode controlar a tal cantidade de xente nun pobo cunha poboación 20 veces inferior? -Como cada ano, teremos servicios especiais de seguridade, contando coa Garda Civil, Protección Civil e Policía Local. É certo que os coches non caben no pobo e que algúns acaban aparcando en Moraime ou na zona do campo de fútbol, porque o sábado, día grande das festas, Muxía énchese como o Santiago Bernabeu. - ¿Que ten de especial unha festa que non destaca polos grandes concertos para atraer a tanta xente? -A Barca é unha das poucas festas que conservan a tradición. Aquí hai gaitas sonando toda a noite, xente que vén merendar e orquestras das de toda a vida. Iso é o que buscan visitantes e romeiros. - Suponse que a festa é un soplo de aire fresco na economía do pobo... -A Barca significa moito para a hostelería. Se A Barca é boa -se o tempo acompaña-, os donos de locais poderán manter o seu poder adquisitivo. En Muxía hai trinta e dous bares e restaurantes, e un dos pequenos pode mover entre seis mil e doce mil euros estes días. Tamén as tabernas montadas no campo da festa. A romería move máis de cen millóns das antigas pesetas. - ¿Que destacaría do programa deste ano? -Los Chicanos del Sur y Berrogüetto son dos que teñen máis sona, pero tamén estará en Muxía Santiago de Madrid, unha das mellores orquestras de España. O que buscamos é combinar un pouco o folk tradicional, a música moderna e os bailes de sempre. - ¿E como se portará o tempo para decir se A Barca vai ser das boas? -Todo parece indicar que o tempo vai axudar este ano e que non vai chover. Chega xente igual con mal tempo, pero así resulta moito mellor. Eu espero que a asistencia de público non deixe de subir. Coa meteoroloxía da nosa parte, a Barca está garantizada e voltaremos a ter unas das celebracións máis importantes de Galicia.