RADIOGRAFÍAS | O |
16 ago 2003 . Actualizado a las 07:00 h.REGRESABA ONTE dunha visita ó piso que mercaron uns amigos en Corcubión. A tarde de festa estivera morriñenta, cunha brétema dubidosa sobre a ría e un orballo descontinuo. Logo de paparmos unha rica paella caseira para cear, atravesamos de noite Cee que xa se enchía de coches e festeiros por todos os recunchos para ver os lumes artificio da Virxe da Xunqueira. Conducía a modiño, moi a modo, rumbo a Carballo City, pola C-552. É unha estrada á que dende sempre lle teño moito respecto. No camiño están eses inventos con herba no medio do asfalto, dos que xa falei algunha vez. Póñenme os pelos de punta e pregúntome cómo non se esfolan máis contra os bordes. Para alguén que non coñeza a estrada, xa rabuda de por si, débenselle saír os ollos de órbitas cando na noite aparecen eses mini-campos de golf no medio do asfalto. Unha especie de reserva para toupas, grilos e demais fauna que imaxino usarán a parcela para iren de marcha nas fins de semana. Pasando Berdoias, reflexiono sobre a milagre dunha Cotop, mentalizada ecoloxicamente, deixando zonas verdes ó seu paso. Seguro que os técnicos de San Caetano valoraron razóns funcionais e estéticas (eu, pobre cidadán de a pé, a tanto non chego). Se as razóns funcionais son alertar ó concuctor e poñerlle o corazón nun puño, no meu caso, polo menos, funcionar funciona á perfección. No que se refire ás razóns estéticas, o dun prado entre o asfalto dáme que pensar, sobre todo porque vivo nun país no que só se aman as zonas verdes se teñen posibilidade de recalificarse a medio prazo. Aínda que non creo que ninguén proxecte unha urbanización, ou un Call-Center, no medio e medio da C-552...