RADIOGRAFÍAS | O |
15 ago 2003 . Actualizado a las 07:00 h.ESTOU AÍNDA aloulado co que sucedeu istes días en Marbella. Nos xornais e na televisión puidemos comprobar argumentos semellantes ós dos culebróns. Acusacións de pelotazos urbanísticos, asuntos de saias e petrinas, pelexas de taberna, gravísimas ameazas, corruptelas varias e capítulos propios dunha novela de Mario Puzzo. Alí estaba representada a política como puro espectáculo. O imperio dos maletíns trunfando fronte á ausencia da máis mínima ética. E a cidadanía abraiada, escéptica, mastigando o perigoso sentimento que todo é unha manga de atracadores engalanados. Algo falla no sistema, xa dende a base municipal. Afixémonos a ver como máis dun facía da poltrona o seu particular negocio. Acostumámonos a crer que nesta vida só hai dúas maneiras de facerse rico, ou cunha primitiva ou sendo cargo electo. Convivimos con tipos especializados en tráfico de influencias e comisións ilegais que logo de ser descubertos campan ás súas anchas e predican presuntas honestidades. Cando comece en setembro o novo curso político hai que ter en conta, tamén os nosos políticos máis próximos, que as mazás podres acaban contaxiando a todo o cesto. A democracia non pode ser o paraíso onde algúns lavan impunemente as súas partes.