RADIOGRAFÍAS | O |
12 ago 2003 . Actualizado a las 07:00 h.NON REPARAMOS moito no pasado. Quizais sería máis acertado dicir simplemente que non reparamos. O outro día mostráronme un libriño de peto sobre unha parroquia próxima á nosa comarca. A obriña dunhas sesenta páxinas está patrocinada por un Concello e a idea é que os veciños coñezan o seu propio pasado. Sorprendeume a idea. Para o traballo contrátase un par de historiadores. Durante uns meses, documéntanse sobre todo o que se sabe da historia local, dende as primeiras pegadas existentes ata a actualidade. As obras, posteriormente, son distribuídas gratuitamente en cada casa da parroquia. ¿A quen non lle gustaría saber o que pasou hai cinco séculos no seu lugar?. Cómo era a vida dos seus tataravós, cando foron construídas as súas igrexas; a quen pertencían algúns pazos; qué significado agocha determinado escudo de pedra, a quen pertencían as terras que agora traballa... Non coñezo se hai algunha experiencia deste tipo na Costa da Morte, pero dende logo seméllame unha empresa cultural de moitísimo proveito. O custe que pode ter iste tipo de estudios é sensiblemente inferior ó que se gasta nalgunhas farras colectivas. De seguro que na comarca ha de haber ducias de licenciados en Historia desexosos de axudas para poder acometer o traballo. A cuestión é que haxa unha mínima vontade política. Non me digan que non é triste camiñar na vida cunha amnesia tan grave. Xa o dicía Siniestro Total: «Quen somos, de onde vimos e a onde imos». Se non coñecemos a historia, ¿saberemos a onde imos?. «Hoxe imos de excursión e logo a botar cando chegue a hora», retruca un dilixentísimo concelleiro de Cultura. ¡Apaga a palleta que marchamos¡.