A arquitectura tradicional

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

06 ago 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

TEÑO UN amigo que está decidido a restaurar unha casa de pedra que hai na comarca. El vive e traballa fóra de Galicia e non comprende como deixamos caer continuamente os exemplos que temos pola zona de arquitectura tradicional. Expliqueille que, dende hai uns anos, houbo unha certa sensibilización. Cada vez é máis frecuente ver que se restauran casas, muíños e outras construccións populares ás que antes non se lles daba ningún valor. Coma en moitas outras cousas, as institucións públicas teñen a obriga de dar exemplo na recuperación do noso entorno. É difícil entender como dende moitos concellos se deixan caer casas antigas cando se podían empregar como edificios públicos, en vez de erguer novos exemplos de feísmo. Falo de bibliotecas, locais parroquiais, administratitivos ou de formación, por poñer só un exemplo dos moitos posibles. Os organismos oficiais deben tomar conciencia da extraordinaria importancia que ten tamén a estética na calidade de vida dos cidadáns, ademais de ser un reclamo decisivo para o visitante. Pequenas cousas, relativamente fáciles de facer, coma eliminar os cables que inzan moitas das nosas localidades non custarían moito traballo se aproveitamos as continuas obras que nos asolagan cada campaña electoral. Neste mes de agosto que temos á maioría da clase política de vacacións ogallá que lles sirva para decatarse de que o seu traballo non é a simple xestión de cartos que chegan dende San Caetano ou a Deputación Provincial. Nas dedicacións exclusivas debería tamén ir incluida unha pouquerrechiña imaxinación. A medio prazo determinadas apostas son ben máis rendibles que os asfaltados das eiras. Seguro.