Aproveitarse da miseria

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

08 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

O DOMINGO aparecía neste xornal unha crónica do enviado especial en Bos Aires. Anxo Lugilde contaba como un emigrante de 78 anos, enfermo e cunha pensión de 60 euros se negaba a recibir as axudas públicas chegadas dende Galicia. O señor retrucoulle ó xornalista que intentaba darlle un sobre con cartos, «llévese la plata a Galicia de vuelta, que allí la necesitan más». A situación deste ancián é a mesma que padecen milleiros de galegos en Sudamérica. Xente que logo de traballar arreo durante décadas, atópase con que os aforros de toda unha vida marcharon polo vertedoiro da crise económica. Hainos que prefiren pasar estreiteces antes de recoñecer que nas despensas a comida escasea. Póñanse no caso do señor que describe o xornalista. Seguramente partiu dende o porto da Coruña a principios dos cincuenta. Un mozo máis, coma outros que saíron coa maleta da súa aldea da Laracha, de Cerceda ou de Vimianzo. Despois de loitar o indicible para saír adiante nun novo país e buscar un futuro acomodado, atópanse logo de medio século na mesma situación que cando chegaron: unha maleta e as rúas bonaerenses como testemuñas da pelexa por conseguir uns pesos. Hai dous meses, moitos dos candidatos da bisbarra viaxaron ata aló e tiveron que ver de primeira man o que está a ocorrer. Pouco máis sabemos dos nosos compatriotas ca o feito de que cada catro anos mandan os sobres cos votos. Por riba, son os protagonistas indirectos de escándalos electorais como o sucedido en Fisterra. Poida que a moitos só lles interese as súas tarxetas de certificación censal...Trampealas é, en certo modo, aproveitarse sen escrúpulos da miseria.