Ligando por Internet

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

05 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

TEÑO AMIGOS que non dubidan en mandarme de cando en vez fandangadas ó enderezo electrónico. Onte mesmo un medio crápula envioume un correo no que aparecía un fermoso cadro de flores. Claro que todo o costumismo pictórico se esfumaba cando te poñías a seguir as instruccións que traía. Despois de axustar o brillo e o color, en vez das inocentes magnolias aparecían dúas espectaculares señoras un pouco lixeiras de roupa. Tamén hai moitos coñecidos que aproveitan a Internet para pasarche outras cousas curiosas que atopan na rede, ou simplemente para saudarte dende onde se atopen. Ten o seu engado esta forma de comunicación, aínda que non é comparable co correo ordinario. Falta a maxia das letras manuscritas, o olor dos distintos tipos de papel. Pero, polo menos no meu caso, as cartas persoais xa non chegan por correo normal. A máis cariñosa que me enviaron nos últimos anos foi unha de Facenda anunciando que por fin me ían devolver o IRPF. Non hai moito, comentaba cuns amigos cousas deste tipo. Unha moi amiga miña, sempre disposta á festa, díxome que se lle ocorrera unha idea para esta columna e para ela mesma. O que pretendía é que lle buscara o seu príncipe azul por medio destas liñas. Para eso, ela ofrecía un enderezo electrónico onde prometía contestar todas as mensaxes. A cambio a min iríame contando como lle ía a busca e eu iría poñéndoos a vostedes ó tanto do culebrón. ¡As cousas que un barrunta cando vai por aí de esmorga! Aínda que... quizais non sexa tan mala idea. Debatereino con ela dentro dunhas semanas, na Festa do Cochiño de Cerceda. Para daquela igual xa botou maromo, hai moitas verbenas por medio.