Una pregunta inoportuna

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

19 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

MILUCHO DO Sabugueiro cumprira 36 anos sen moitas máis ocupacións que labrar pouco máis de sete ferrados de terra que lle quedara por herdanza. Cinco vacas do país, un carro feito por un carpinteiro de San Sadurniño e unha casiña que deixaba escapar o fume pola tellas era todo o seu patrimonio. Tampouco precisaba máis. Quizais un carácter máis tímido do habitual fixera de Milucho un solteirón pouco dado ó trato coa xente. Aínda así os poucos veciños da aldea podían testemuñar que era un home bo e cumpridor, nada amigo de andar tocando a lingua de terceiros, nin de preguntar máis ca o imprescindible. Milucho renuciara a seguir o camiño doutros compañeiros de quintas cara a América. Nunca soubo se o de quedar fora por medo ou porque amaba demasiado aquela terra que lle daba o xusto para ir tirando. Unha súa tía avoa solteira era toda a familia que lle quedaba a Milucho, a mesma que lle recordaba sempre a necesidade de buscar unha compañeira: «Un home só non é negocio». Canso xa de tanta insistencia da vella preguntoulle porque non casara ela no seu tempo se tanto negocio era. A tía avoa calou e non dixo nada. Milucho deuse conta ó ver o seu rostro que no camiño do amor tamén pode haber trampas.