RADIOGRAFÍAS | O |
05 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.NOS MULTICINES de Carballo aínda non está en carteleira, así que fun a propósito ata A Coruña para ver O lapis do carpinteiro. A tarde do domingo, que aínda ulía a choiva e vento, era a ocasión propicia para ver o que fixera Antón Reixa coa magnífica novela de Manuel Rivas. Aínda non abriran as billeteiras e aproveitamos unhas raiolas tímidas para sentar na praza de Vigo. Por alí xogaban cos balóns varios nenos, brincando sen tregua. Fixeime en dous que debían andar polos nove anos. Vestían de pantalón curto, calcetíns subidos e xersei de pico a rombos. A súa aparente pijería contrastaba coas fazulas encarnadas e os rachóns nos xeonllos de correr tras do esférico. Pensei canto daría calquera daqueles nenos por ter diante unha leira, para guindarse pola herba e facer algún pinchacarneiro. Despois de ver como un punteirolo dun dos pícaros pasaba a milímetros da miña chencha e batía no respectable dunha señora, marchei mentres a afectada vociferaba algo de: «Os voy poner a andar, maleducados...» A sala estaba case chea. Aos poucos minutos a fermosa historia de amor do doutor Da Barca e da belísima Marisa Mallo xa me tiña enganchado. Moitos actores nosos, entre eles o sempre sobresaínte Luís Tosar, resolven unha película que, para ser a primeira do director vigués, supera a proba de forma máis que notable. A dobraxe ao galego é boa, vertida maioritariamente polos mesmos autores. Ao remate fun cuns amigos tomar unhas tapiñas a unha cervexería da zona. Estabamos comentando a pena de que non houbera máis películas na nosa lingua, cando unha fermosa camareira nos puxo a ración na mesa e dixo cun amplo sorriso: aquí tienen el rajo con patatas...