RADIOGRAFÍAS | O |
01 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.OS DATOS que aparecían onte, Día dos Traballadores, nesta edición, reflicten ben o estado e condicións de traballo na Costa da Morte: «Pocos empleados trabajan menos de 50 horas y sólo el 5% tiene un mes de vacaciones». Se a todo o anterior sumamos que os salarios son moito máis baixos cá media podemos facernos unha idea de como estamos. Porque, claro, vostede érguese ás sete menos algo da mañá, aguanta o atasco para chegar puntual ás oito á empresa. Traballa ata a hora de xantar, come ás présas un menú do día que con esto do euro tamén subiu, volve para a nave e está ata as nove da noite porque hai moito labor atrasado. Chega á casa, deixa caer o corpo escangallado enriba do sofá. Come un bocata e nos informativos os presentadores avisan que esto vai vento en popa a todo gas. Fai zapping e ponse a ver Hotel glam , todos ociosos falando de sexo, a Berrocal posuída por un espírito, bebendo champán un luns á noite. Logo mira para a súa señora, que tamén leva ó pé do cañón dende o amencer. Guíndalle polo aire un bico cansado mentres a tele está ca publicidade, mostrando unha berlina baixo un ceo de estrelas. -Calquera día merco un. Ela rise incrédula mentres lle pasa o ferro á camisa da nena.