«Este pobo ten que ser o motor de toda a comarca»

La Voz E. E. M. | CARBALLO

CARBALLO

CASAL

O rexedor asegura que o municipio sairá airoso do «Prestige»

28 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

Despois de dous mandatos á fronte da corporación municipal, Alberto Blanco, actual alcalde de Muxía, preséntase para optar a un terceiro. Como cabeza do municipio enfrentouse ó maior desastre ecolóxico da historia de España causado polo verquido do Prestige , que pintou de negro os derradeiros cinco meses de goberno. Pese ó chapapote, Blanco Rodríguez cre que Muxía sairá adiante e faráo airosa, mellor do que estaba antes do accidente. -Despois dos mandatos no poder municipal, ¿que se acadou en Muxía? -Nós presentámonos cun programa que cumprimos na súa integridade, superando incluso as nosas promesas. Calquera que poida cumprir un programa de goberno ten que estar satisfeito. -¿Cales foron os fitos máis importantes? -O edificio de servicios múltiples que se está a construir é moi importante e reflecta o desenvolvemento de Muxía, con el acabouse a venta nas rúas. Tamén é importante o entorno da Barca, o saneamento, o alumeado público ou os abastecementos de auga en distintos puntos. -Con todo, Muxía segue a ser un dos concellos galegos coas rendas máis baixas. -Estamos loitando para que o emprego aumente e suban as rendas con proxectos concretos. A planta de Pescanova en Touriñán, que dará máis de cen empregos, é un bó exemplo, pero tamén a aposta por facer de Muxía un centro turístico aínda máis importante. Aquí temos as condicións e temos que aproveitalas para que o pobo se converta no motor da comarca neste campo. Pero tamén a reforma do porto é moi importante. - O «Prestige» marcou a fin do mandato e trouxo moitas críticas da oposición. -Se o alcalde de Muxía non se movese e se metese detrás da pancarta, non dirían nada, pero eu fixen o que creín mellor para os meus veciños, defendendo os intereses do pobo. Muxía estará limpa para a tempada turística e sairá fortalecida do Prestige . -A marea negra serviu para aumentar unha fractura social que ven de antes. -Din que dous non riñen se un non quere, pero en Muxía ríñese igual. Os muxiáns son xente intelixente, pero hai algúns que se deixan enganar, afortunadamente son os menos. Sempre hai quen busca pescar en augas revoltas. -¿Repetirá vostede como diputado provincial? -Non pensei en absoluto no tema, primeiro hai que pensar en Muxía, en voltar a gobernar se os muxiáns o queren, despois haberá tempo de pensar niso, que agora non me preocupa en absoluto ante cousas máis importantes. «Estamos agradecidos ós miles de persoas que pasaron por aquí para axudar: voluntarios, militares, empresas e tamén o Governo»