RADIOGRAFÍAS | O |
22 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.ESTIVEN na casa dun famoso gaiteiro de Buscás (Ordes). O outro día apareceume na casa, ía de camiño cara a Feira das Nenas e andivo preguntando de aldea aldea por min. Cando o vin, observei que aquel velliño agochaba nos ollos abertamente azuis unha vitalidade do neno que quixera comer o mundo. Recibiume na eira da súa casa cunha aperta. Levoume ata un fermoso xardín, que el amaña coa axuda do neto. Alí entre as flores, que comezan a abrollar na primavera, están os vellos arados de ferro, herdados dos seus devanceiros. Comeza a contarme a súa historia, o sol agarima. Pon a man coma se fose unha visera, non sei se quere tornar os raios ou busca coa ollada uns tempos que quedan lonxe. Así me entero de onde veu a súa afección pola gaita: «Cando era pequerrechiño morreu meu pai e daquela eu tiña que ir coidar das vacas nas leiras. Alí comecei a xogar facendo gaitas de palla». Logo viñeron os punteiros de bieteiro, a primeira gaita de buxo da que non se separa dende hai máis de 70 anos. América, Alemania, Londres, a emigración...Xa de volta actuacións por todo o país coa súa banda. Fálame de Carballo, Cerceda, A Laracha, Tordoia e ducias de concellos. Agora, cando a precaria saúde permite, adícase a facer instrumentos rarísimos, un dos últimos chámase «milenio». É unha mestura rara entre un clarinete e unha trompeta, adornado con moedas, incluso unha coa figura do efímero Amadeo de Saboya. Alguén lle debería recoñecer a centos de personaxes anónimos a súa contribución á pervivencia da nosa cultura tradicional. É de xustiza.