RADIOGRAFÍAS | O |
22 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.DENDE O xoves que saíu a última radiografía ata hoxe xa van uns días. A maioría de vostedes gozaría dunha Semana Santa pasada por auga. Os máis afortunados ata pode que escaparan a algún lugar de sol e praia. Se lles digo a verdade, case nin me decatei destas datas. Un imprevisto fixo que tivese que pasar a semana enteira diante do ordenador. Resignación cristiá, nunca mellor dito, para os días dos que estamos falando. Aló foron, polo río abaixo, os meus plans lúdico-festivos. Supoño que moitos dos que están lendo esta columna tamén lles pasaría algo semellante nas vacacións. Ó principio cóllese un cabreo considerable, dan ganas de sumarse ás procesións e autoflaxelarse na busca da redención definitiva. Aínda así un busca os propios mecanismos de autodefensa: o sábado pasei unhas horas deliciosas vendo como Carlos Blanco engaiolaba pub ateigado de xente e o domingo, cando o día xa comezaba a devalar, fuxín a toda présa cara a Feira das Nenas. Un momento de alento, por fin. Pola noite volvín para diante da pantalla do ordenador. Na mesiña estaba un sobre e unha nota: «deixouno para ti Mengano». Abrín a carta porque Mengano é meu amigo, e dentro atopei un currículo dunha rapaza que nunca vira diante na vida: os seu nome, idade, estudios, experiencia. E é neste punto da lectura onde noto como se me empeza a encoller o estómago: leva oito anos sen traballar; sen contrato, claro. Volvín a metelo no sobre. Abrín a fiestra e acendín un cigarriño na madrugada, botando fóra o fume con ganas. O Marelo debe estar acochado nalgún pallote da aldea. Fecho a ventá pensando na tristura que pode traer un currículo... en Semana Santa.