SÁBENO TODO de vostede e aínda queren saber máis. ¿Cantas cartas lle chegan ao seu domicilio de empresas coas que non tivo nunca trato? Seguramente ao final do ano serán ducias de misivas cargadas de propaganda, con premios fabulosos e demais trasnadas varias. Compadézome dos carteiros (agora veñen as eleccións).? A última que me chegou é a dunha empresa coa que teño contratado o servicio de telefonía móbil. Me mandan unha carta que ao principio crin que era unha factura. Abrina. Diríxese a min un paisano que é Director Xeral de Márketing e Vendas, despois de convencerme que son un tipo afortunado ofréceme mil puntos a cambio de proporcionarlle o meu número fixo, a miña data de nacemento, a valoración da empresa e que me gusta facer no tempo libre (¡róncalle o nabo¡).? Dentro de pouco preguntaranlle se cambia os calzóns, se durme con calcetíns, se pensa noutra cando está de faena coa parella, se ten algún empaste bucal ou se se ergue coa perna esquerda. Non se preocupe, en letras cativas (estilo raposo) especifican: «En cumprimento da Lei de protección de datos...». ? ¿Que demo lle fariamos nós, o carteiro e máis eu, para ter que aturar tanto lixo? Estou pensando poñerlles como enderezo o de Sogama.