Ramón Vilar?cerceda?? Cos votos a favor dos tres grupos políticos (PSOE, PP e Pince) quedou aprobada a solicitude formal á Xunta de Galicia dun parque eólico en Cerceda. Con este fin aprobouse a memoria da comisión de estudio e a exposición ó público do proxecto. O punto elixido para o emprazamento das devanditas instalacións é o Monte da Cerdeira, nun terreo que xa está alugado polo Concello.? Tamén se aprobou por unanimidade o Plan de Obras e Servicios da Deputación Provincial. A inversión total suma un montante de 224.910 euros. Os cartos irán destinados a diferentes obras por todo o concello. Inclúese nesta partida a urbanización de travesías na Silva e Queixas; pavimentación de camiños en Xesteda, Meirama e Encrobas, e a construcción dun campo de fútbol no Adro de Rodís.? Neste punto o portavoz do PP, José Antonio Gende, queixouse de que os xuvenís do Cerceda tiveran que adestrar en campos «pouco aptos». O alcalde, García Liñares, alegou: «Feito o campo de Rodís, a única parroquia que queda un pouco coxa é Meirama». O concelleiro do Pince, Jesús Orgeira, pola súa banda, protagonizou os momentos máis polémicos e asegurou: «Parécenme moi poucas obras».??Animais perigosos?Na reunión municipal tamén se aprobou unha ordenanza reguladora para a tenencia de animais perigosos. Ésta obrigará ós propietarios destes cans a ter un seguro de responsabilidade civil que cubra danos de ata 125.000 euros, á vixilancia do can e a prohibición de entrada dos cánidos en establecementos públicos (bares, locais deportivos,etc.) Tamén se informou da renuncia do concelleiro do grupo de goberno Manuel Barbeito Garaboa (Isabel Castro Fraga ocupará a súa praza). O alcalde, García Liñares, agradeceu ó concelleiro os servicios prestados e dixo: « Sabe que ten a porta sempre aberta». ? Á parte dos puntos anteriores, no pleno acometeuse a aprobación inicial da ordenanza fiscal reguladora da taxa por subministro de auga; designouse ó concelleiro socialista Edelio Rodríguez Dubra como representante no consello escolar do Colexio Celso Emilio Ferreiro e notificáronse varias alegacións ó proxecto do gaseoducto e ó trazado do AVE. Por último acordouse solicitar a Unión Fenosa a mellora do fluído eléctrico nos lugares de Morzós, Vilanova, Castelo, Figueira e Cardelle.