«O teatro amosa a realidade social para xerar reflexión»

Elena Silveira
E. Silveira CARBALLO

CARBALLO

O Centro Dramático Galego presenta hoxe no Pazo da Cultura Carballo a obra «O colaborador», un texto cómico e, ó mesmo tempo, moi sarcástico.

21 nov 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Miguel Pernas ten unha voz familiar. E non é de extrañar, xa que estivo durante moitos anos metido nas casas dos galegos a través da personaxe televisiva Magnum. Agora, centrado nos escenarios, forma parte do equipo do Centro Dramático Galego que representa hoxe en Carballo a obra O colaborador , do autor suizo Friedrich Dürrenmatt. Onte non puideron debido a un fallo eléctrico. -¿Como é o espectáculo que representan hoxe? -Como todos os que produce o CDG: espectacular, cunha gran escenografía, luz e son, con oito actores en escena. O texto é a primeira vez que se representa en Galicia, aínda que o seu autor ten outros moito máis coñecidos, como é A visita da bela dama . -A obra parece bastante densa. -Si, eu recomendaría a historia para maiores de 14 anos, porque hai escenas fortes e os pequenos tampouco entenderían o transfondo. -¿Moi crítica? -Ten personaxes terminais, que se enfrontan a un final tráxico. É unha obra pesimista, unha comedia macabra que produce no espectador o efecto contrario. Invita á xente a combater esa sordidez, e a plantexarse unha análise da sociedade actual, chea de corrupción e crimes. No texto vense as relacións que existen entre os políticos e os criminais. É unha obra de actualidade, sobre todo polo que ocurriu o 11-S. O teatro tamén amosa a realidade social para xerar reflexión nos cidadáns. -¿En que outros proxectos anda metido? -Con Producción Librescena estrearei o próximo 16 de decembro en Carballo a comedia As obras completas de Will Shakespeare (abreviadas) e en marzo viremos con A morte e a doncela . Pazo da Cultura de Carballo. A partir das 21.00 horas. Entrada, 3 euros.