O Outono de Teatro

XOÁN POSE VIÑA

CARBALLO

COINCIDE TODO o mundo en que é mellor que o Outono de Teatro se dosifique durante varias fins de semana para ter máis tempo para gozar dos espectáculos e non empacharse seis ou sete días seguidos como se viña facendo ata agora por non ter un local adecuado. Sen quitarlles ningún mérito ós organizadores, alleos a este problema, é lamentable que moitas persoas queden fóra por non haber capacidade suficiente para satisfacer a demanda. Esgotáronse as entradas porque o auditorio, raquítico, foi pensado só para os carballeses e creo que había que pensar tamén na xente dos arredores se queremos que Carballo sexa o centro da comarca. Se pasou esto co teatro, ¿que sucederá cando se organice un concerto musical? Non nos imos parar aquí a analizalas todas, pero hai que admitir que o público respondeu satisfactoriamente e a súa valoración das obras representadas resultou alta. Con todo e coma sempre, unhas foron máis aplaudidas ca outras. Polo que eu sei unha das mellores foi Os vellos non deben de namorarse de Castelao, representada por Teatro do Morcego, polo que quizais haxa que pensar en promocionar máis o teatro galego. O negativo desa noite foron os comentarios que algúns espectadores facían en voz alta ó descubrir que algunhas das actrices traballaban na televisión galega. Todos chegamos tarde algunha vez, pero a puntualidade non foi unha das virtudes do Outono de Teatro. Un día recibimos nas nosas casas unha carta pregándonos acudir ó auditorio «antes das nove menos cuarto». Cumprimos e chegamos correndo coa lingua fóra, pero non abriron as portas ata as nove e vinte. Foi o día da homenaxe a Roberto Vidal Bolaño. Ó meu ver a homenaxe sería máis vistosa se se escollese outro día para representar unha das súas obras sen necesidade de improvisar nin de facernos esperar. Se bebín en boas fontes informativas, no futuro o Palacio da Cultura quedará sen vistas ó Anllóns e sen luz natural por carecer dun proxecto urbanísticos como deus manda. Mentres tanto non estaría de máis amañar o solar lindeiro feito unha lameira que presenta un aspecto de abandono total. Anque xa sei que somos uns ilusos, algúns comentamos que non estaría mal facer un aparcamento. Non invento nada; só expreso o sentir da xente que foi pasando por alí.