O PSOE vai de festa. Os socialistas de Carballo promoven, os de Bergantiños invitan e algúns dos cargos do partido en Galicia, con Emilio Pérez Touriño á cabeza, aceptan. Á fronte da organización está Manuel Trigo Cancela, concelleiro e novo secretario xeral dos socialistas carballeses. - Se hai unha festa será que hai algo de celebrar... -É a primeira festa que se fai dos socialistas na comarca. Foi unha idea que partiu da agrupación local, transmitiuse á comarcal, pareceulles moi ben, conseguimos poñer dacordo ós sete concellos e van participar todos. Tamén temos unha axuda importante do Concello de Cerceda. - ¿É unha iniciativa máis dentro da imaxe que se lle quere dar ó partido? -En certo modo si. Dentro desa liña repartimos mil e pico invitacións. - ¿Cal é esa liña? -Agora si que estamos traballando, e ademais de verdade. Hai unha executiva cunha ilusión tremenda. Reunímonos tódalas semanas, estamos facendo programa, un programa crible no que están participando os cidadáns carballeses e os diferentes sectores sociais ós que estamos visitando, e espero que sexamos capaces de chegar á xente con ese programa, que vexa que que é viable e que ten o apoio do partido. - ¿Hai máis apoio á agrupación de Carballo? -Si, moito máis. Creo que o está apoiando como nunca. Posiblemente porque hai un móbil político para facelo: a Deputación está aí e hai moitos para crer que se pode gañar e, efectivamente, o partido nese aspecto fai a súa inversión . A nivel físico, Touriño pode ser a quinta vez que vén en menos dun ano, Antón Louro vén con moita frecuencia... ou sexa, que hai inquedanza polos temas de Bergantiños e por darlles solución. - ¿Como inflúe a situación do grupo municipal no traballo cotián? -Nese aspecto, eu creo que se neste mandato municipal se lograse sacar adiante o Plan Xeral xa sería un éxito impresionante, porque non se nota fluidez no traballo, actúase por impulsos, non ves unha liña de traballo. Temas como o da gardería ou o Plan Xeral son... un cachondeo; levan aí anos e anos, podendo ter solucionado moitísimos temas. O alcalde é como o anuncio da cervexa, posiblemente o peor alcalde que houbo ata agora en xestión. - ¿Como se vai solucionar a situación de Acacio Rodríguez? -Está solucionada. Se faltaba algo, xa o ten. Se quería o papel da xeral de Madrid, agora xa o ten. Pero é un tema que prefiro non tocar. - ¿Xa hai substituto? -Eu penso que si. En setembro será a presentación.