RADIOGRAFÍAS
13 ago 2002 . Actualizado a las 07:00 h.FORON VARIAS as persoas que me preguntaron se fora certa a historia dun meu tío avó que contei a semana pasada nesta columna. Dicía que o destino ás veces pode chegar a ser cando menos curioso. Como exemplo poñía a aquel meu parente que logo de pasar a Guerra Civil en primeira liña e salvarse de morrer na batalla, finou cando explicaba a uns veciños como funcionaba unha granada que trouxera da guerra. Unha anécdota menos tráxica e ata simpática é a que lle teño oído varias veces sendo eu pequeno a un señor de Cerceda que tamén estivo na guerra. Este velliño narraba marabillosamente ben o que lle acontecera nunha montaña chea de neve cun grupo de soldados. Ao parecer levaban varios días sen a penas comida, illados nunha serra, el e outros nove soldados. A situación comezaba a ser crítica e o desespero minguaba o ánimo de todos. Foi daquela cando viron unha lebre saltando pola neve. Ao momento colleron os fusís e comezaron a disparar a discreción. Ningún acertou. O noso home apoiou o máuser no ombro, apuntou e logrou espetarlle un balazo entre ollo e ollo ao bicho. Relataba que a alegría fora inmensa e que aquela noite comeran os dez a fartar. De pequeno pensaba que aquela lebre debía ter o tamaño dun boi para darlle de comer a tantos homes esfameados.