BARRAS AMERICANAS

La Voz

CARBALLO

06 jul 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

No libro Crime en Compostela , de Carlos Reigosa, relátase a anécdota dun empresario que intentou a finais dos setenta abrir unha whiskería en Santiago co nome de A Casa das Putas . O ousado industrial non puido poñerlle tal nome ao local porque se atopou coa oposición de institucións e veciños. Nos oitenta montar unha barra americana era case tan frecuente como abrir un respectable restaurante ou tenda de ultramarinos. As estradas comezaron a encherse de letreiros de neon con nomes exóticos e xeralmente de mal gusto: El Rincón del Placer, Sauna Blue ou La Sabana. Un coñecido de fóra de Galicia comentábame, nunha viaxe Carballo-Fisterra, que lle chamaba poderosamente a atención a cantidade de parrilladas e puti-clubes que abundan nas nosas estradas. Expliqueille que o tema do churrasco é relativamente novo en Galicia. É no século XX cando chega en forma de moda importada polos emigrantes na Arxentina. O noso pobo adaptouse de forma extraordinaria a este xeito de cociñar. En canto ao das barras americanas non fun quen de artellar unha explicación satisfactoria. O do puterío é un negocio ben vello, quizais dende as primeiras épocas. Dos romanos hai quen deriva a palabra rameira, posto que se penduraba unha rama na porta das casas onde se ofrecía amor rápido a cambio dalgún diñeiro. Na lírica medieval galega xa aparece a prostitución, lembremos as soldadeiras, alegres bailarinas que prestaban os seus servicios por unhas moedas. Non foi nada infrecuente, no século XIX sobre todo, o mercado con mozas galegas que, fuxindo dunha precaria situación económica, acabaron en mans das mafias do sexo en cidades coma Lisboa, Madrid ou Bos Aires, onde as gallegas cumprían a mesma función que hoxe cumpren as rapazas africanas, latinoamericanas ou de países do este de Europa. Quizais a máis famosa de todas foi a Bella Otero que morreu na miseria en París logo de ser a amante predilecta de numerosos aristócratas e burgueses europeos de principios do século XX. Ata a aparición das barras americanas, o oficio exercíase nos famosos barrios chinos(recordemos nomes históricos coma O Pombal ou o Papagaio) onde se mesturaba a prostitución e o lumpen das cidades e a onde durante anos peregrinaron en procesión moitos mozos da nosa bisbarra en busca da viaxe iniciática. Así ata chegar aos modernos puti-clubes coma o que quería montar o toliño do libro Crime en Compostela que polo menos, visto o visto co paso do tempo, tiña un nome menos hortera.