MÁIS SOBRE TABEIRÓN

La Voz

CARBALLO

En referencia ás manifestacións feitas a este periódico polo teniente de alcalde de Zas sobre min, quero puntualizar: señor teniente de alcalde, no Concello cada vez hai menos traballo (supoño que vostede e mailo alcalde terán algo que ver nisto, xa que levan máis de dez anos gobernando) e hai que ir a traballar a outros sitios. Eu son un deses veciños que ten que traballar fóra. Non todos temos un soldo do Concello para poder «pasear e falar tódolos días en Baio». Aínda que mellor que vostede está o señor alcalde. A este pagámoslle un soldo (cerca das 400.000 pesetas, ¿non?) para que «pasée e fale polo concello», pero resulta que «pasea e fala pola Coruña», porque como vostede debe saber moi ben, vive na Coruña e só ben a Zas en horario de 12 a 3. É verdade que vostede estivo ligado ás asociacións de Baio, cando non ocupaba ningún cargo no Concello. Tamén debería de lembrar que nalgunhas delas coincidín con vostede e noutras mesmo fun fundador ou promotor. En canto á historia política, a súa e maila do alcalde daría para un libro (moción de censura e insultos públicos incluídos entre vostede e o Alcalde). Lémbrolle que hoxe hai uns tránsfugas que se presentaron ás eleccións por un partido independente, e ós dous anos pasaron ó PP, no que están agora. Vostede, o alcalde e os demais do goberno municipal son eses tránsfugas. Non trate de confundir ós veciños. Non pode presidir unha asociación (Tabeirón) porque non é un veciño calquera, é o teniente de alcalde. Se quere axudar a Baio como di, axúdeo gobernando o Concello. Para iso lles pagamos. Empece por axiliza-la concentración parcelaria, por face-las aceras na Ponte Lodoso ata PedraVixía, face-la praza das Lagoas, limpa-las rúas... Xa llo pedimos desde o BNG e dixeron que non. Goberne, fagan obras e déixese de historias que xa estamos ben servidos.