Falaba nunha das anteriores Radiografías da Tribu, centrada no tan falado tema das víboras de Razo-Baldaio, de como os rumores (intencionados ou non) se espallan dunha maneira incrible e o boca a boca fai que medren e medren ata límites que rozan o ton totalmente esperpéntico. Os rumores, como a xente, nacen, medran, reprodúcense e morren. Cando o tema da cóbrega parecía estar superado aparece unha nova praga auspiciada outra volta polos acojonistas (ecoloxistas) e os da Xunta. Agora, estes dous grupos aliados (coma noutrora o contubernio xudaico-masónico), comezaron unha campaña nas comarcas de Bergantiños-Soneira-Fisterra para inzar o monte de lobos. Para tan pérfido plan dende os despachos de San Caetano enviáronse unha serie de helicópteros para guindalos. Unha especie de sarabiada de lobiños asolaga as vellas terras bergantiñás. Santiago Imaxinen vostedes a estampa: a nave saíndo de Compostela en misión segreda; a bordo: un piloto de Helimer Galicia, un ex-acojonista do Rainbow Warrior e unha funcionaria cabreada por non cobrar o correspondente plus de perigosidade en horario de traballo. Con paracaídas incorporados, media ducia de lobos e lobas aterecidos por ser sacados, en plena hora do café, das impolutas dependencias da Administración Autónoma. Teñan en conta que xa se comezaran a afacer ás comodidades do despacho do exclamadísimo director xeral de turno, que, por suposto, dirixe con infinita dilixencia esta operación ultra-segreda que se leva a cabo. -«Coordenadas 15-XZ sobrevoamos a Serra de Montemaior soltamos a última parella. Cambio. Si señor director, abriron ben os paracaídas. Cambio. Regresamos á base. Cambio e corto». Velaí os lobos cativos abandonados á súa sorte nos montes da bisbarra, chorando ó lembrar o dóce parqué das consellerías e os agarimos da amabilísima secretaria do director xeral: «Como te están hoy mis lobecitos buenos, quietiños, quietiños que escangallais el despacho todo». Agora orfos, pola falla de mimos dos funcionarios, deambulan perdidos polo seu novo e máis equilibrado ecosistema. Ceibados O máis espelido dos lobos ceibados comproba con arrepío, que o manual de supervivencia que lles meteron os da Xunta nas mochilas está totalmente equivocado. Das típicas carballeiras atlánticas que fala o apartado de flora e fauna, nin rastro; dos regatos de auga diáfana sucada por milleiros de troitas arco iris, tampouco. Polo de agora só atoparon plantacións masivas de eucaliptos, un regato cheo de botellas de lixivia e botes de lata e nunha aba do monte un vertedeiro incontrolado.