Rara é a xente que sinte devoción polas cóbregas. Na nosa cultura, seguramente pola tradición cristiá na que estamos inmersos, a serpe foi sempre un icono do maligno. Na biblia podemos ver como un destes réptiles é o causante do pecado orixinal que nos acompaña dende aquela. Este animal que foi condenado a vivir arrastrado polos séculos dos séculos converteuse nun inimigo declarado do ser humano. Na tradición mítica e lendaria da nosa comarca é frecuente a presencia de cóbregas: unhas teñen o don de falar, outras aproveitan a noite para acudir sibilinas ós tetos das vacas ou á busca de mulleres recén paridas. Hainas que habitan nas fontes e pican ás incautas mozas que se achegan por auga. Situámolas tamén en abruptas covas onde custodian tesouros de valor incalculable. Outras agóchanse nas profundas presas dos ríos, con idades e lonxitudes incalculables. Temos así mesmo a presencia destes ofidios na nosa toponimia, lémbrese o exemplo da Pedra da Serpe en Corme Aldea (Ponteceso). Este lugar estaría, segundo os expertos, relacionado cun antigo culto a este réptil moi frecuente no pasado de Galicia. A cruz que hai na pedra sería un proceso de cristianización posterior, algo que acostumou a face-la Igrexa con lugares nos que se festexaban crenzas pagás. Recentemente saltou ós medios de comunicación o desafortunado incidente da mordedura dunha víbora en Razo-Baldaio, que transcendeu á opinión pública dunha maneira abraiante, e desatou todo tipo de especulacións antes de que fora debidamente estudiado o caso. A vox populi comezou a súa particular investigación dos feitos. Así un señor descargaba as culpas no honorable gremio dos acojonistas , deducín, logo dun bo anaco, que se refería ós grupos ecoloxistas. En Arteixo escoitei a outra señora falando dunha maneira apocalíptica da presunta solta destes réptiles nos areais carballeses. Comentaba que había unha guerra biolóxica contra as gaivotas por parte da administración autónoma e esa era a verdadeira razón dunha masiva solta de víboras para combate-las aves. Estiven a piques de intervir, nunha conversa que me era allea, para explicarlle á señora que tiña dúbidas que o partido que goberna a Xunta comezase unha guerra sen cuartel precisamente contra o paxaro do seu anagrama. Sería coma se os socialistas propugnaran a decapitación das rosas ou ós nacionalistas se lles dera por apedra-las estrelas.