RAFAEL XOSÉ MOUZO LAGO VÉN A CONTO
03 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.As cousas que suceden na Arxentina non son froito da casualidade; non existe ningunha maldición divina que teña baixado do ceo para fustigar ó pobo arxentino. Máis ben parece unha maldición humana. Coido que é unha longa sombra dun dinosaurio voador que planea sobre un continente que, con enormes riquezas naturais, empuxárono á desesperación, e intereses espúreos interpuxéronse entre o sol e as terras de América Latina desde fai varias décadas. É un continente que peregrina como alma en pena polos camiños dunha historia que uns cantos escribiron con sangue, e que lles fixeron representar como ós persoeiros nun teatro da antiga Grecia. Dicíalle eu fai anos a víctima do xenocidio arxentino (1976-82, 30.000 desaparecidos) que, cando as colectividades borran a súa memoria histórica, tarde ou cedo, éstas morrerán. Hoxe, Arxentina está na preagonía que escomenzaron fai tempo, provocada por un fato de desalmados e seguidos por uns gobernantes títeres que só administraron para comprace-los petos particulares, os dos familiares e amigos e o inxusto Fondo Monetario Internacional. E namais digo inxusto porque eles entregaron os créditos avariciosos a quen sabían que non os ían a empregar en obras de misericordia, senón a pagar ós ñoquis, ós que agora deben despedir por dous millóns e medio. Non é nada novo para quen lle viñera facendo un seguimento a este país, ó que os galegos lle debemos tanto; si, a pesares do que digan uns cantos. Non é novedoso porque o tango Canvalache non foi cantado antonte, no que se refrexa fielmente a vida política, económica e social que prepararon para ese País da Plata. Síntoo moito por todos eles porque nin o máis miserable dos seres humanos merecen tal castigo. Pero, sobre todo, pola nosa colectividade máis envellecida que, fuxindo desta terra que non foi capaz de satisfacer as súas lexítimas aspiracións, encontraron no Novo Continente traballo, pan e educación para os seus fillos. En tempos difíciles para nós, foron solidarias. Redimíronse os foros que gravaban as nosas terras e casas. Sofriron a experiencia dura da Saudade, non fácil de definir, e morreron sen voltar á terra, nin ver a pais, mulleres e fillos. Os que aínda quedan están sendo víctimas dun sistema inxusto que mil e unha veces denunciei. Coido que chegou o momento certo de reflexionar, deixarse de gaitas e por en funcionamento a nosa solidariedade para que non se repita a traxedia que, desde fai século e medio, se dou nas estacións marítimas de Vigo e Coruña. Hoxe que estamos fartos de celebrar con derroche as festas de Nadal, que temos enterros con pompas como as de Alfonso XII, desprendámonos, cada un de nós, dun pouquiño, para xuntos poder supli-los servicios dun sistema de seguridade social arxentino (chamado PAMI) quebrado, que non garante un caixón para enterrar con diñidade a moitos paisanos. Que se vexa, que non só sexa o comentario xocoso que sempre circula en circunstancias especiais. Escomencemos un Ano Novo cun xesto de Amor ós humanos.