ROBERTO TRABA VELAY CRÓNICAS DE FINISTERRA
19 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Aínda que pareza mentira, recordo o día no que decidín que Baltasar sería o meu Rei Mago para sempre. Era noite de Nadal, daqueles tempos de pouca luz e de contos na cociña xunto a un nacemento moi grande, con moito musgo e ovelliñas diminutas ó lado de pastores que sempre se caían. Creo que elexín a Baltasar porque me atraía a súa pel oscura, e pensaba que non habían de ser moitos os rapaces que o quixesen como rei. Despois de tanto tempo, sei que a elección foi acertada porque o Rei Negro nunca me defraudou e sempre me deixou regalos da mesma categoría que os que traían para meus irmáns os outros dous reises que, por certo, nunca diferenciei porque me parecían iguais. Este ano, como xa falta pouco para que cheguen, teño que ir pensando nas cousas que lle vou pedir e que, naturalmente, farei nunha carta que mercarei no estanco porque, esas -deben coñece-lo camiño- chegan sen falta a Oriente. Xa sei que agora hai moita xente que lle escribe ós reises por Internet, pero non me vexo tecleando unha carta sentado fronte a un ordenador para dirixila a Baltasarrei@xoguetes.com. Non sei, pero non me fío. En fin, o primeiro que pedirei, despois de dicir que este ano polo menos intentei comportarme ben, será un tinteiro de tinta máxica para o meu bolígrafo, porque xa falla e ás veces atópome que cando escribo unha crónica acabo atascándonme nunha coma ou nun punto e aparte. Como esta máxica tinta só vale para cousas de palabras e non entende nada de números e matemáticas, creo que pedirei tamén unha calculadora para pasar as pesetas a euros, porque me parece que vai haber moitos batifondos e falta ha de facer. Antes de que me esquenza, debo dicirlle que xa non quero as pistolas e as cartucheiras forradas de pel de ovella que sempre lle pedín e nunca me trouxo. Non vaia a ser que este ano se lembre e as deixe cos outros regalos. Xa estou farto de tanta bomba e tanto tiro no televexo, así que preferiría, mellor que unhas pistolas, un bo trompo virandeiro. O que si lle pedirei para entenderme mellor cos peregrinos que chegan ó meu bar son uns diccionarios de francés, holandés, alemán e italiano. O de inglés non é necesario que o traian porque xa teño un ben grande que bo xeito me fai. E por este ano penso que non quero máis, así que despedireime da Súa Maxestade dicíndolle que non se esquenza de levarlle algo ós nenos pobres, que tamén son de Deus, aínda que non o pareza. Claro que, para ser sincero, e agora que os políticos da comarca andan a voltas coa construcción dunha autovía de Carballo a Cee, gostaríame que o meu rei fixera algo para que esta chegara ata Fisterra, aínda que non o pareza como os nenos pobres, tamén somos de Deus. Gostaríame, pero non sei se pedirllo, porque Baltasar andivo sempre en camello polos camiños do mundo e, para a miña idea, non entende moito de autoestradas.