Neste periodo histórico acusouse certa inestabilidade nos anos da Segunda República e sobresae a figura de Maximino Montero Barreiro Desde o punto de vista político, o século XX en Zas foi «relativamente» tranquilo, posto que salvo a paréntese da dictadura de Primo de Rivera e a Segunda República, periodo no que houbo unha certa inestabilidade, se por algo se caracteriza a historia local deste parte foi a permanencia no cargo da alcalde de membros da familia Montero. En 1895 iníciase ese periodo de estabilidade que daría lugar a que, somentes 3 alcaldes (pai, fillo e neto) cobren o periodo 1895-1971, destacando pola súa duración a persoa Maximino Montero Barreiro. O que segue é froito do traballo de investigación conxunta con Xosé Maria Lema Suárez.
20 oct 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Nos anos 1907 e 1908 existe o proxecto frustrado de construcción dun ferrocarril que uniría a capital provincial con Corcubión e que cruzaría a comarca. Esta preocupación máis teórica que práctica polas vías de comunicación apréciase no bando para que se arranxe o camiño que vai de Baio a Fornelos, posto que se utiliza para carretar arena y madera ya que por la zona trabajan diariamente de 30 a 40 cuadrillas de serradores portugueses (Actas de pleno, 1903). A tranquilidade política auspiciada pola presencia no poder dos Montero so se vería alterada na Dictadura de Primo de Rivera, xa que o segundo da estirpe familiar é relevado do cargo e no periodo que vai de 1923 a 1931 cinco persoas distintas van se-las que ocupen o sillón da alcaldía. Durante a Segunda República será Montero Barreiro (tivo o bastón de mando case ininterrumpidamente nada menos que 44 anos e 10 meses, de 1914 a 1968) quen gaña tódalas eleccións e ostente a alcaldía, independente da color política do goberno da nación, sendo destituído polo Gobernador Civil tralo triunfo da Fronte Popular (FP) en 1936. A situación política debeu ser moi tensa trala victoria electoral dos partidos coaligados na FP a xulgar por un fragmento da acta de pleno (4-7-36), na que se dá conta de los proyectados atentados personales que se han conseguido impedir y por los que se habían de realizar en esta localidad hechos cobardes y criminales contra determinados elementos del Ayuntamiento...preparados por reaccionarios...