ROBERTO TRABA VELAY CRÓNICAS DE FISTERRA
03 oct 2001 . Actualizado a las 07:00 h.O vindeiro día 15 deste mes, Deus mediante, Suso de Bicocas, Manolo de Pereiriña, Luis o fantástico, Pascual de Moreira e un servidor viaxaremos ata Ponferreda para facer o Camiño, que pasando por Santiago chega ata Fisterra. Así que estamos un pouco como rapaces en vésperas de Reis, pero como somos moi homes non nos atrevemos a dicilo. Estou seguro de que será unha moi boa experiencia, pero de momento o que máis nos preocupa son os preparativos. Curiosamente, todos estamos dacordo en que debemos levar o menos peso posible nas mochilas e tamén en que temos que empezar a entrenar, pero ata o de agora de entrenementos nada de nada. E de pouco peso, non sei, porque si digo as cousas que cada un pensaba levar imos necesitar un trailer. Non ven o caso botarse a enumerar agora a lista de indispensables enseres, utensilios e artefactos que se nos van ocurrindo, pero con dicir que algún ten pensado ir cun enorme foco desos que ofrecen os vendedores ambulantes marroquís e algún outro ca marioneta de máis de medio metro que lle regalamos fai pouco no cumpleanos, xa podedes imaxinar. Os amigos Logo están os amigos que non poden vir, pero ós que lle gustaría facelo. Como lles roe a envexa compórtanse como verdadeiros canallas e así temos a Manolo do Banco que dí que imos necesitar un ano para chegar ata aquí, pois según el, en vez de albergue en albergue camiñaremos de bar en bar, ou Albertiño de Sardiñeiro, que con moita retranca proponnos que si nos cansamos moito podemos contratar a estudiantes porteadores de mochilas como si en vez do Camiño fóramos nun safari. Para contrarrestar estos vaciles mañaneiros temos pensado invitalos a que vexan dende a rúa a queimada que faremos na galería do albergue de Fisterre o día que cheguemos. Esa noite seremos peregrinos de luxo e faremos o conxuro ataviados con zapatillas, pixamas e batas de casa reglamentarias. Xa os vexo petar a porta para que os deixemos entrar, pero si ó final entran, veremos en que condicións. Con estas e outras parecidas conversas andamos estes días preliminares a partida. Afortunadamente, sempre está polo medio ese humor que tanta falta fai nestos tempos que corren. No fondo estou seguro de que cada un de nós ten a intuición de que algo diferente vainos acontecer na viaxe. Posiblemente, non nos atoparemos con nada que marque as nosas vidas, pero creo que mentras andamos polos camiños e corredoiras haberá pequenas cousas que chamen a nosa atención e nos propoñan outros xeitos de ve-la vida. Quen sabe se nón aprenderemos dun vello paisano ou dun novo peregrino cousas que agora non sabemos ou nunca nos puxemos a pensalas. O Camiño está cheo de pequenas sorpresas que estamos esperando. O millor a primeira é atoparse o día 15 en Ponferrada con algún veciño da Costa da Morte que decidiu virse connosco. Sería macanudo.