Nesta longa época, da que o exército napoleónico deixou pegada, nace o Concello de Zas coa extensión e os lindes de hoxendía O século XIX comeza coa organización das terras do actual Concello repartidas nas distintas xurisdiccións seguindo as pautas marcadas polo Antigo Réxime. Coñecerá o paso do exército napoleónico, con feitos como o do 13 de abril de 1809, cando dous destacamentos franceses de mil e 600 homes viñeron desde Santiago ata a Costa da Morte e masacraron ós veciños que tentaron impedirlle o paso en Ponte Olveira; días máis tarde arrasan Cee e Corcubión. No XIX tamén nace a actual distribución territorial e a alternancia dos partidos na Restauración. O que segue é froito da investigación de Xosé María Lema e quen suscribe.
15 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Do paso napoleónico hai constancia documental nas parroquias de Gándara (onde acamparon e lle houbo que dar 37 ferrados de trigo) e Vilar (40 ferrados) para seguir por Salto, Vimianzo e Cambeda. No brevísimo periodo liberal (1820-1823) houbo un intento de acabar coas divisións xurisdiccionais do Antigo Réxime. Creáronse os primeiros concellos constitucionais, antecesores da definitiva reforma de 1835. En 1820 constitúense os concellos de O Allo, Zas e Muíño pertencentes ó partido xudicial de Vimianzo e á provincia única de Galicia, emanada da división territorial proposta na Constitución do 1812. Na remodelación de 1822, estes tres concellos incluiríanse na da Coruña. No Antigo Rexime pertencían á de Santiago. Coa restauración do absolutismo (1823, Fernando VII), vólvese ás antigas xurisdiccións. Tal e como se coñece hoxe No BOP do 11-5-1836 aparece constituído o Concello de Zas, coa extensión e lindes que coñecemos hoxe, incluído no partido xudicial de Corcubión e aprobado definitivamente polo decreto do 18-6-1836; tras o periodo de alegacións, contaba cuns 606 veciños e 3.215 persoas (Fariña Jamardo). O primeiro alcalde foi un tal Antonio Fernández. En 1842 preténdese levar a cabo outra división territorial. Un dos novos concellos era o de Roma, no que estarían incluídas tódolas parroquias de Zas e unha boa parte das de Vimianzo; pero quedouse en proxecto.