«Aínda que hai que priorizar, atendemos casi a totalidade das solicitudes»

La Voz

CARBALLO

ELENA SILVEIRA A ENTREVISTA Miguel Ángel López Sieiro, responsable da Secretaría Xeral da Consellería de Pesca Dende o pasado 28 de maio, Miguel Ángel López Sieiro é o novo secretario xeral da Consellería de Pesca. Aínda que a súa formación académica está centrada en materias legais, de feito é licenciado en Dereito, está ligado á vida dos portos dende hai máis de tres anos, pois ocupou a subdirección que ten como función relacionarse directamente coas confrarías. Asegura que o seu departamento ten temas pendentes na Costa da Morte pero, «aínda que hai que priorizar, atendemos casi a totalidade das solicitudes».

07 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

López Sieiro é licenciado en Dereito e entrou por oposición na Administración autonómica no ano 93. Traballou na entón denominada Consellería de Cultura e Xuventude, estivo no Centro de Información Xuvenil, en Presidencia, na asesoría xurídica xeral e no organismo Augas de Galicia. Despois pasou a formar parte dunha subdirección da secretaría xeral de Pesca na que tiña que relacionarse a diario cas confrarías e cos problemas dos mariñeiros. Asegura que o falecemento do anterior secretario xeral, Juan José Álvarez Pérez, supuxo a «perda dun compañeiro e gran amigo». -A desaparición de Álvarez Pérez foi unha sorpresa para moitos. -Causou un gran disgusto entre o persoal da consellería. De feito, a súa ausencia crea un vacío imposible de encher. -¿Xa ten definida a súa liña de actuación? -En canto a plans inmediatos, hai dúas prioridades de carácter xeral. En primeiro lugar, hai que resolver o concurso dos funcionarios das confrarías, para o que rematou onte, día 7, o prazo. A consellería ofertou 53 prazas para funcionarios que queiran mellorar a súa categoría. -¿E a segunda? -A outra é sacar a orde que regule todo o proceso legal das eleccións nas confrarías. Esperamos que a orde e o decreto do Consello Galego de Pesca esté listo antes de fin de ano, aínda que dependerá da rapidez con que se tramiten os correspondentes informes. -¿Afectará ó calendario? -Cada confraría seguirá tendo eleccións cada catro anos. Seguirán os plazos que teñan cada unha de mandato electoral. Únicamente se as confrarías prantexan unificar o día poderase estudiar. -A Secretaría Xeral abonda nos temas relacionados coas inversións. ¿Cales son as pendentes nos portos da Costa da Morte? -En Corme instalouse unha grúa e o carro varadoiro, e agora estase facendo a súa reforma cun presuposto de 740.000 pesetas. Ademais, inaugurarase o sistema automatizado de subasta, para o que se destinaron 7,8 millóns. -A fábrica de xeo é unha das demandas máis urxentes que teñen dende hai tempo na confraría de Laxe. -Neste caso necesítase facer unha obra civil e o proxecto é de casi cen millóns de pesetas. Agora mesmo non estamos en condicións de facer unha inversión tan forte, haberá que ver si é viable outro tipo de fábrica. De todas formas, estamos en contacto con Portos de Galicia. -¿De canto é o presuposto da Consellería? -De 470 millóns de pesetas, dos que só quedan pendentes de adxudicación para este ano 38. Aínda que parece pouco en comparación con outros departamentos, supón que as confrarías non fagan inversións. Aínda que hai que priorizar, atendéronse casi a totalidade das solicitudes.