Oito quilómetros de identidade

La Voz

CARBALLO

CRISTINA ABELLEIRA A PÉ DE RÚA O Instituto de Estudios Bergantiñáns promove un roteiro guiado por Entrecruces e Rus Os oito quilómetros que separan a capela de San Paio (Entrecruces) da igrexa de Santa María (Rus) acollen algunha das paraxes máis fermosas e representativas do concello de Carballo. Con algún que outro rodeo, por ese itinerario poderán pasear, disfrutar e aprender tódalas persoas que participen no roteiro programado para hoxe polo Instituto de Estudios Bergantiñáns (IEB). A oportunidade é única, xa que os camiñantes contarán coa información de guías de excepción.

27 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Asociacións e centros educativos do concello carballés recibirán nos días vindeiros unha publicación que recolle os aspectos xeográficos, económicos, sociais e históricos máis relevantes de Entrecruces e Rus. Por estas dúas parroquias tan próximas, e que albergan paraxes e construccións únicas, discorrerá o terceiro roteiro programado polo Instituto de Estudios Bergantiñáns, que nesta ocasión contou coa colaboración do Concello de Carballo para a edición da guía informativa que recibirán os participantes. A concelleira de Cultura, Educación e Turismo, Belén Mato Pombo, destacou ó respecto que o obxectivo é, precisamente, apoiar as publicacións que «contribúan ó coñecemento de Carballo». E unha das paraxes máis fermosas que descubrirán os camiñantes será a Férveda de Entrecruces. Antón García Losada, co-autor do cuaderniño xunto con Xan Fernández Carrera, suliña que neste lugar foi construída a primeira central eléctrica do municipio carballés, da que aínda quedan restos, e apuntou que poderían se-la base para «un estudio de arqueoloxía industrial». O seu compañeiro na sección Andando por Bergantiños, que tamén incluíu os dous primeiros roteiros por Soandres (A Laracha) e Traba (Laxe), apuntou que, precisamente, o seu obxectivo é «organizar excursións para coñecer a comarca», e nese sentido engadiu que, en principio, está previsto alomenos un itinerario en cada un dos sete municipios.