EMILIANO MOUZO IN MEMORIAM
29 mar 2001 . Actualizado a las 07:00 h.O outro día, Liano, o árbitro de Camelle, deixou de ser xuiz e convertiuse en xogador. E menudo regate lle fixo á vida. E a todos ós que eramos seus amigos. Chegou de pitar un partido, tomou un café no Miramar, e casi sin avisar, marchou para a casa. Deitouse. Quedou durmindo. Empezou a soñar. Maxinou que os seus pais estaban durmindo e que a xente de Camelle xa se agochara nas casas. Aproveitou a súa imaxinación envolveita no sono para facer un breve percorrido pola súa vida. Ergueuse. De puntiñas, achegouse á igrexa, onde durante moitos anos fixo de sacristán. Con ollos pillos, como moitas veces, puxo a botella de viño sin consagrar ó bico. Chiscoulle un ollo ó Espíritu Santo. Marchou da casa de Deus e dirixiuse á punta do muelle. Alí disfrazouse de El Zorro. No malecón deixou a súa firma feita coa punta da súa espada. Seguiu percorrendo o pobo. Achegouse ata o campo de fútbol do Rodeiro. Vestiuse de árbitro e situouse no medio do campo. Ollou as obras que gracias á súa xestión se fixeran naquel vello estadio. Baixou de novo ó pobo. Polo camiño ía pensando que non podía deixar de visita-los lugares da súa vida. Por eso entrou no cine de Sabino. Alí namorárase facía anos da Chiquitina, a nai do seu fillo. Ó recordar o seu rapaz foi o momento en que os diques dos seus párpados non poideron mante-las bágoas. Chorando púxose a desmonta-la saba onde semelleba proxectarse a película da súa vida. E coas vivencias coa familia Orbich. Despois foi ó garaxe onde garda o coche. Apagou para sempre a megafonía que o acompañou tantas veces polos pobos da Costa da Morte. Espertou. Estaba na cama. Voltou a quedar durmindo. Voltou a soñar. Recordou a súa aventura a bordo do Tiburon 49. Aquel bote de Juan do Lelucho que lle serviu un día de mal tempo para poñer rumbo a unha aventura que a punto estivo de costárlle-la vida. Estaba disfrutando cando imaxinou que viaxaba a A Coruña e daba de alta na Federación, unha vez máis, o F.C. Camelle. Reinauguraba o campo, acompañado polo maravilloso espectáculo da súa Danza de Arcos. Estaba contento, feliz. Pero, de súpeto, apareciu no seu soño un compañeiro. Era un árbitro que non vestía o uniforme de cores. Ía ataviado cunha roupa negra. Semellaba a morte. Entrou no campo e chamou a Liano a un lado. Falaron entre os dous. Liano dáballe algún tipo de explicacións, braceaba. Parecía serio. Aquel home de negro negaba e separouse do árbitro de Camelle. Voltou ó centro do campo. Parecía resignado. Fixo soar o silbato, con poucos folgos. As súas mans non se dirixiron coma cando remata un partido cara os vestiarios. Sinalaron o cemiterio. Pitou o final. O final da súa vida. A xente quedou muda. E Liano xa non espertou. O seu sorriso irónico-denunciante quedou reflexado na súa cara. E marchou para sempre. Deixounos orfos. Sin decir adeus. EMILIANO MOUZO é redactor de La Voz de Galicia