MAICA SIMÓN A ENTREVISTA Marisol Soneira Tajes, responsable de Políticas Migratorias do Partido dos Socialistas de Galicia O noveno congreso dos socialistas de Galicia trouxo importantes novedades para as comarcas da Costa Atlántica. A actual coordinadora do partido na zona, Marisol Soneira, foi nomeada responsable de Políticas Migratorias. A súa axenda está cargada de previsións para os próximos meses. Polo de agora, ten moi claro que a oleada de emigracións que azouta Galicia é froito dunha crise económica. Ademais, mantén que a causa é que «o goberno de Fraga é nefasto. Para a Costa da Morte está sendo unha fraude política».
09 oct 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Dende o seu novo cargo, Marisol Soneira ten previsto iniciar diversas actuacións relacionadas coa emigración, que nestes tempos está a cobrar forza en Galicia. _¿Cal cre que é o motivo das emigracións que está a sufrir Galicia e a comarca? _Aínda que nos digan que todo vai ben, estamos a vivir unha crise económica que provoca moitas emigracións, case 6.000 persoas da bisbarra nos últimos anos. É evidente que un rapaz de Muxía, por poñer un exemplo, que non ten posibilidade de atopar traballo no mar nin en outro sitio, terá que emigrar para busca-la vida. _¿Que obxectivos se marca dende o seu novo cargo para a Costa da Morte? _As actuacións irán en varias liñas. En primeiro lugar, actuar sobre esta nova emigración que se está a producir pola crise do sector pesqueiro e do campo. Tamén ten moita importancia o feito de que xente formada, con estudios universitarios, non atope traballo aquí e teña que marchar ás cidades, xa que estamos a desaproveita-lo potencial que destas personas teñen para a zona. _¿Como valora a xestión do goberno autonómico en relación a estos problemas? _O goberno de Fraga é nefasto. Para a Costa da Morte está sendo unha fraude política. Cando chegou a Galicia, eu pensaba que, aínda coa distancia que nos separa, podía ser un impulso para a comunidade, pero ó final resultou o contrario. No tempo que leva gobernando Fraga, 110.000 persoas de Galicia tiveron que emigrar para adaptar o seu traballo ós seus estudios. _¿Esperaba saír elixida? _Eu tiña a esperanza de que un socialista da Costa da Morte estivese na executiva. O partido ten unha presencia importante nestas comarcas xa que hai unha base sociolóxica de esquerdas moi forte. Calquera que saíse defendería ben os intereses da zona.