
Palabras que alertan dun perigo
03 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Que as paisaxes falan pono mesmo de manifesto o título elixido para esta sección. As palabras coas que as paisaxes se expresan aparecen formando parte do seu patrimonio natural e cultural. Nalgúns casos, esas palabras emiten sinais de alerta, falan de espazos que agochan unha potencial perigosidade.
Exemplo 1. Certas plantas son indicadoras de determinados fenómenos naturais, como a torrencialidade, porque son resistentes ao paso das correntes de auga e reflicten a ocorrencia de certos eventos extremos. No mes de agosto de 1996, unha riada en Biescas, Huesca, levaba por diante un cámping co resultado de 87 vítimas mortais. Naquel suceso un vexetal acadou unha fama non desexada: un arbusto espiñento, coñecido como espiño amarelo ou arto branco. No barranco de Arás de Biescas, o lugar onde estaba emprazado o cámping, era abundante. Un biólogo viu que existía unha planta no cono de dexección do barranco que era moi indicativa desa torrencialidade, polo que a súa presenza alí era indicio de avenidas. Publicouno nun artigo da Enciclopedia Temática de Aragón. Nel afirmaba que ese torrente era aínda moi activo e non debería haber ningunha infraestrutura porque acabaría tendo algún problema: «Algún día, este barranco volverá polos seus foros, e quixera ser mal profeta». Desgraciadamente a profecía cumpriuse.
Exemplo 2. As paisaxes teñen memoria, memoria xeográfica que almacena a toponimia, expresións moi antigas e cargadas de mensaxes de alerta. As devastadoras inundacións de Valencia, coa perda de máis de duascentas vidas humanas, puxeron de manifesto unha terra e uns pobos que medraron na ribeira dos cursos de auga. Comarcas coa antiga denominación de Hortas (Sur, Norte), ou Ribeiras (Alta, Baixa), atravesadas por cursos de auga que van desaugar a unha Albufeira. Ramblas, barrancos, arroios, torrentes etc. sinalan o dominio das augas. Construír nesas zonas inundables entraña un risco anunciado. Porén, promovéronse nelas, baixo diferentes escusas, construcións diversas. Ao mesmo tempo quíxose pensar que os recheos ou o formigón serían quen de conter o poder das augas, esquecendo o significado das palabras antigas. Creuse que así, enfrontándose a elas, sería posible domesticalas. O resultado, a catástrofe.
Exemplo 3. Nas rías galegas, especialmente nas súas zonas máis interiores, palabras como esteiro, marisma, braña, canaval ou xunqueira anuncian territorios de auga. Recheos, pontes, paseos marítimos e un conxunto de construcións diversas, incluso asistenciais, foron colonizando estes espazos. Pero, cada certo tempo, as augas reclaman o conquistado. No ano 2006 a vila de Cee, por citar só un exemplo, sufriu un deses episodios catastróficos. O resultado foi o asolagamento da «humanizada» Xunqueira con enormes perdas materiais. O risco existe, está aí. As augas xa avisaron. Non unha vez, senón varias. As predicións apuntan a que as inundacións serán cada vez máis fortes e frecuentes. Precisamos interpretar correctamente esa lingua secreta das paisaxes e prepararnos para xestionar o risco dun cambio climático que xa está aquí. Mirar para outro lado ante «unha verdade incómoda» sería unha irresponsabilidade que pagariamos moi caro.