Un novo chiringuito en Coroso achega aos bañistas pescados e mariscos da lonxa

LAURA RÍOS / A. G. RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

CARMELA QUEIJEIRO

O emprendedor de Ribeira Jandro Ayaso abriu Quimera, un local que combinará a gastronomía con actuacións musicais

20 jul 2021 . Actualizado a las 08:04 h.

A nova aventura empresarial de Jandro Ayaso atópase no paseo de Coroso, un chiringuito baixo o nome de Quimera que persegue ser escaparate dos pescados e mariscos da lonxa de Ribeira e, ao mesmo tempo, punto de encontro para gozar da música en directo . Transcorridas unhas semanas dende a apertura, o emprendedor, que traballa difundindo nas redes sociais a ampla oferta de produtos da rula, indica que aposta por ofertar pratos baseados na materia prima local e nas receitas tradicionais, como polbo, navallas ou zamburiñas. Neste respecto, o emprendedor asegura que «será cociña moi sinxela» e engade que cando os produtos son de boa calidade non teñen que manipularse moito. Por agora, no establecemento traballan unha camareira, un cociñeiro e o propio dono, que non descarta a posibilidade de contratar a alguén máis durante o verán se resulta necesario.

Explica Jandro Ayaso que unha das cousas que chaman a atención do chiringuito é o seu aspecto, xa que está cuberto con céspede artificial e iso permítelle, afirma, integrarse facilmente co entorno. Neste eido, o ribeirense precisa que o artista Manuel Ayaso está preparando un mural de carácter onírico para plasmalo na parte de atrás do local.

Segundo o empresario, púxolle o nome de Quimera porque representa todo aquilo que semella inalcanzable: «É algo que persegues e parece imposible».

Respecto á pandemia da covid e ás restricións debidas a esta, Ayaso amósase esperanzado en que mellore a situación Asegura que quizais os negocios con instalacións pechadas son os que máis están a sufrir. Nestes primeiros compases de actividade, comenta que as horas con maior actividade son as do comezo da tarde e as próximas á posta do sol. A este respecto, declara que «na terraza temos bastante afluencia, sobre todo en horas punta como cando a xente marcha da praia ou no solpor».

Para Jandro Ayaso, os problemas non só chegaron da man da pandemia ou do arduo traballo que significa arrancar un novo negocio, senón que sufriu a lentitude burocrática e os extensos prazos de xestión das diferentes Administracións. O empresario cre que os procedementos para abrir o negocio foron complicados e demasiado longos. Neste sentido, apunta que «resulta moi difícil emprender polo tempo que tardan en darche resolución as Administracións».

O ideal

Para este emprendedor sería ideal poder compaxinar a súa faceta de promotor de espectáculos coa xestión do chiringuito. A súa intención e mesturar ambos ingredientes mediante a posta en marcha de concertos en vivo en canto as condicións sanitarias o permitan. Precisa que parte da súa aprendizaxe neste campo procede do tempo que exerceu como organizador de eventos nun municipio de Tenerife, aínda que recoñece que hai unha substancial diferenza entre ambas zonas nese aspecto.

Neste sentido, o propietario de Quimera reflexiona tamén sobre as limitacións de crecemento do local e explica que «a Administración non permite moito máis do que temos instalado. Só podemos contar con 20 metros baixo teito e 50 de terraza».

Con gañas e empuxe, Jandro Ayaso inicia esta nova andaina con propósito de converter o seu negocio nun lugar diferente. Por exemplo, explica que lle gustaría producir a súa propia sidra: «Na praia podería funcionar moi ben porque a xente podería escanciar sen problemas aquí mesmo».

Por agora, o propietario percibe a acollida do público que se achegou a Coroso como positiva e asegura que «a xente di que quedou moi ben e que a pesar das présas está ben montado».

Deste xeito, esta concorrida praia urbana da cidade de Ribeira gaña novos atractivos para gozar do tempo libre nun espazo que permite, ao mesmo tempo, contemplar unhas fermosas vistas da ría de Arousa e, como non, darse un baño.