Gritos de emoción


O pasado marzo, á altura do Caramecheiro, en Ribeira, os cativos do colexio colorearon unha foto súa coa imaxe do paseo de fondo seguindo as pautas do famoso cadro O grito de Munch, que colgaron na varanda, a cada cal máis expresivo. Gritos de dor e terror mesturábanse con outros de alegría que só se diferenciaban pola expresión do rostro. Faltounos oílos para saber se tamén no ámbito sonoro se diferenciaban, o cal nos serviu, ó amigo que me acompañaba e a min, para preguntarnos quen gritaría máis, se quen sente pracer ou quen sente dor. Inquirindo, asemade, se o deseño dos estadios non estará pensado a modo de caixa de resonancia para que os nosos berros se amplifiquen máis. Valoramos, como non podía ser doutro xeito, se non seremos os humanos os animais máis ruidosos da natureza e ata nos gusta selo.

Facemos uso dos berros e dos gritos para advertir dalgún tipo de ameaza. Seguramente o primeiro son que saíu da gorxa dos homínidos fose por mor dalgunha alarma, pero por isto da evolución tamén aprendemos a berrar, chiar e bradar para manifestar alegría, e, como os animais impertinentes, tales galos e galiñas cantando a deshora ou o can ouveando nunha noite de lúa, somos incapaces de conter as nosas emocións e tamén molestamos. Que llo pregunten a quen tivo que soportar unha insolidaria festa nocturna en pleno confinamento.

Polo xeral, entre a fauna, os gritos son berros de prevención, de advertencia dun perigo, unha chamada á comunidade, á manada ou ó rabaño, pero tamén de desafogo, como fan (ou facemos) todos os animais; e aplicando o uso dun raciocinio supersticioso, demos en pensar que o can ouvea porque venta a morte e os galos e galiñas ás doce da noite advirten do paso das bruxas, sen reparar en que eses berros son manifestacións espontáneas que polo xeral non son nin somos capaces de controlar doadamente. Pero a diferenza cos animais, ós nosos gritos por sustos haberá que engadir aqueles que se manifestan por medo, ira, dor, tristeza, pracer ou alegría. Aí están os sete tipos en que os especialistas clasifican os bramidos humanos. Os animais non teñen un espectro tan amplo. Berramos e chiamos de tan semellante maneira cando sentimos alegría e cando nos ataca o medo, que tales expresións de felicidade e dor chegan a confundirse; non hai máis que asistir a certos concertos dos cantantes de moda para comprobar como só con oír ós espectadores, se non é polo lugar e polo que ocorre no escenario, calquera podía pensar que se está executando unha tortura masiva. Sen embargo, e contrariamente ó que é doado pensar, na resposta con gritos ante algún deses asuntos citados, somos máis rápidos e intensos cando o facemos por pracer ou alegría ca cando é por mor dalgún perigo.

O pracer e a xovialidade supera en nivel sonoro e expresivo ó medo. Nunca me deu por medir os decibelios da risa nin do pranto, dando sempre por feito que depende da intensidade da alegría ou da pena, así como da sensibilidade da persoa con respecto ó efecto que tal produce, pero hai quen si o fixo e chegou á conclusión de que a alegría e o pracer, cando se manifestan, ademais de rápidos na resposta tamén son moito máis escandalosos, sonoros e intensos que cando se exterioriza a pena.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos
Tags
Comentarios

Gritos de emoción