Suscríbete 1 año y te regalamos 140 días gratis
Quiero la oferta

A sesta

Francisco Ant. Vidal

RIBEIRA

Bernardo Codesido

13 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Sentencia un vello refrán: despois de xantar descansar e despois de cear mil pasos dar. O cal me lembra a un deses leóns que buscan a sombra dunha árbore despois de darse unha enchente de búfalo; porque a sesta é un dos escasos bens que só os privilexiados sen obriga de currar despois do mediodía poden gozar a pracer seguindo o vello consello da filosofía refraneira, ese pracer que tanto goza o meu amigo Afonso e polo que tanto se molesta, ata quitarme a fala para o resto da semana, cada vez que o interrompo durante a súa media hora de repouso.

Sempre lembro o ofendido que me sentín con certo tipo da Europa sen sol, con quen me tiña que atopar a determinada hora, e cheguei unha hora máis tarde segundo o seu reloxo, pero en punto polo meu, e o primeiro que me solta, a modo de reprimenda, é se me sentara ben a sesta.

Ese descanso afternoon ten (tiña) moi mala fama. Ela foi e aínda é o sambenito que nos poñen ós do sur de Europa como sinónimo de vagos, pero tamén a moitos outros, como a eses icónicos mexicanos de amplo sombreiro sentados e adurmiñados contra algunha parede, ou ós mouros co seu vaso de té encrequenados á porta do Gran Bazar. Primeiro por envexa, e logo porque poucas veces se pararon a pensar na adaptación ós horarios, naquel consello dos nosos maiores de non sachar despois de comer, e agardar á fresca da tarde, seguramente porque na culta Europa os seráns duran pouco.