Abraham Benítez: Arquitecto e construtor a pequena escala

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

CARMELA QUEIJEIRO

Ten feito un montón de trofeos e tamén reproduciu diversos inmobles de Carreira

03 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Comezou como unha afección, para matar o tempo libre. Quizais por iso, Abraham Benítez non lle concede ás maquetas que fai o valor que teñen. Podería dicirse incluso que se nega a poñerlles prezo, pois limítase a sortealas para sacar uns euros cos que poder ir facéndolle fronte aos gastos que destina á compra de materiais. Pero o ribeirense xa gañou unha gran sona como arquitecto e construtor a pequena escala, que traspasa as fronteiras da súa parroquia de Carreira. Non hai monumento no lugar que se lle resista.

E iso que este artista empezou con pequenas pezas, elaborando trofeos para competicións do eido deportivo, no que radica a súa outra grande afección. Ademais de participar en diferentes probas, colabora na súa organización ou desenvolvemento, de aí que quixera encargarse tamén dos galardóns: «O ano pasado fixen sobre 150, pero o anterior foron máis ou menos o dobre». Os últimos que saíron do seu obradoiro tiveron como destino a velada de boxeo Cidade de Ribeira e a travesía Illa de Rúa.

Plenamente satisfeito achegando este gran de area a moitas das probas deportivas que se levan a cabo na zona, Abraham Benítez decidiu un día atreverse cunha reprodución da capela da Guía: «Gustoulle tanto á xente que decidín levala para o bar que rexenta miña nai en Carreira, e había quen a quería comprar. Fixen unhas rifas e vendéronse nun par de meses».

Un ano coa igrexa de San Paio

Despois seguiu o mesmo proceso, con sorteo incluído, coa capela de San Roque, e mesmo se animou a converter en maqueta a escola da localidade: «Foi unha petición que me fixeron desde a ANPA, pois querían empregala como agasallo para unha mestra que se xubilaba». E, hai só uns días, iniciaba de novo a venda de rifas para unha segunda reprodución da ermida de San Roque, coa idea de que teña propietario en xuño.

O último reto ao que se enfrontou Abraham Benítez foi a igrexa de San Paio de Carreira. Leva un ano traballando nela, pero o resultado é unha maqueta de 1,20 de longo por 55 centímetros de ancho e 65 de alto. A táboa numérica complétase cos 70 quilos que pesa o pequeno monumento. Pedra e madeira son as materias primas que emprega para un proceso que é totalmente artesanal. «A elaboración da maqueta en si para min é doada, porque me gusta; o que me resulta máis complexo é facer as medicións e pasar todo a escala», recoñece.

Aínda non ten claro o destino desta impresionante obra, pois insiste en que a venda das pezas non é para el unha opción: «Eu fago isto porque me gusta, aínda que é certo que me supón un gasto importante. Nos materiais para a ducia de trofeos da velada de boxeo investín uns 140 euros e para os tres da travesía, máis de 200».

Paixón polo deporte

Benítez comparte esta paixón polas maquetas coa afección polo deporte en xeral e polo atletismo en particular. Mesmo adestra a un grupo de usuarios de Ambar e é un dos impulsores da carreira pola diversidade que cada xuño ten lugar en Ribeira: «Sempre estiven ligado ao mundo do deporte e, dentro das miñas posibilidades tento axudar no que podo».

E polo deporte está incluso disposto a deixar aparcada, polo menos un tempo, a faceta de maquetista. Unha das súas ilusións é participar na proba Arousaman, consistente en cubrir a nado o traxecto entre O Grove e Ribeira. Non foi seleccionado para a edición deste ano, pero mentres espera a súa oportunidade preparará outro reto importante, a travesía da illa de Rúa, que terá lugar o 30 de xuño.

O ribeirense asegura que, tanto no deporte coma na escultura, móvese por retos: «Se algo me interesa, non paro ata conseguilo». Di que, de momento, esa travesía de máis de catro quilómetros é o único proxecto firme que ten enriba da mesa, sen que haxa por agora edificio que queira reproducir.