Comodato

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

RIBEIRA

30 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Apasada semana saltou á prensa o concepto de comodato grazas ao convenio asinado entre o Concello de Ribeira e o mecenas Xabier Expósito para a posta a disposición da cidadanía dunha interesante biblioteca ilustrada, composta por libros clásicos que, en condicións normais, non se poderían consultar agás en círculos especializados afastados da nosa terra.

O comodato, do latín commodatum, é un contrato polo que unha das partes -o comodante- entrega de balde á outra parte -o comodatario- un ben moble para que este o use del por certo tempo e llelo devolva cando remate o contrato. O comodante conserva a propiedade, polo que non se traslada o dominio, só a súa tenza temporal. Está regulado polo artigo 1.740 do Código Civil e seguintes, non é nada novo porque está vixente dende o ano 1889.

Con todo, e namentres un goberno valente se anime a aprobar a tan ansiada lei de mecenado, o comodato é unha útil ferramenta das Administracións para poñer a disposición temporal dos cidadáns moitos bens que non poden gozar no ámbito vital.

Por desgraza, moitas coleccións patrimoniais de titularidade familiar teñen un gran interese para os investigadores, pero tamén fortalecen a curiosidade de cidadáns que se interesan pola arte ou pola literatura. Moitas coleccións públicas están fóra do noso alcance por estaren depositadas en grandes museos afastados da nosa casa. Con esta modalidade podería haber unha rotación entre administracións de moitos bens do patrimonio cultural que moitas veces están ligados a un pobo ou son de todos nós, pero non están á nosa disposición.

É un camiño loable.