Os hostaleiros fixéronse co timón

RIBEIRA

Homenaxearon a gastronomía do mundo e competiron en distintas probas

21 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Nin que dicir ten que a hostalería é unha das pezas fundamentais do gran quebracabezas dorneiro. Da participación dos bares dependen parte das propostas que integran o programa da singular festa ribeirense. Pero onte, os locais, os seus propietarios e os seus traballadores cobraron un protagonismo especial, chegando a facerse por momentos co timón desta singradura número 67. Capitanearon boa parte da xornada desde dúas frontes: detrás da barra, servindo tapas e bebidas preparadas para a ocasión, e na rúa, poñendo a proba a súa pericia co fin de obter o Sertificado de Profesional Dorneiro.

Desde detrás da barra, os tripulantes de catorce establecementos ofreceron unha singradura polas culturas do mundo, permitindo a veciños e visitantes que comezaran a semana mergullándose na gastronomía de comunidades de España como Andalucía e Canarias, pero tamén de lugares máis remotos como México, Brasil, Cuba e Rusia. Por un día, ou máis ben unha tarde, xa que parte dos locais decidiron descansar pola mañá do atafegado fin de semana, estas fanequeiras foron especialistas en rasións e juarisnais exóticos. Alas de polo picantes, cabeza de porco, papas arrugadas e ensalada rusa foron algúns dos manxares que se regaron con cervexa, margaritas, daiquiris, ron mel e mesmo caipiroska (a caipiriña feita con vodka), para darlle aos presentes a posibilidade de dar a volta ao mundo, aínda que só fora co padal.

Competición na rúa

Na recta final da tarde, unha ducia de camareiros e propietarios de bares cambiaron a barra pola rúa para tratar de facerse co Sertificado dorneiro. Catas a cegas na procura do garrafón, malabarismos con botellas descifrado de notas das comandas, contrarreloxo de estonado de patacas e carreira de obstáculos foron algunhas das probas que tiveron que superar, para ledicia dos que observaban.