A mellora das instalacións xa existentes vai da man da creación doutras novas, con proxectos para dotar ao municipio tanto de centros de atención aos maiores como de novos recintos para o lecer
20 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Non son poucos os retos que ten diante súa un municipio coma Rianxo. Un dos máis importantes poida que sexa o de tratar de frear a sangría demográfica que fixo que o concello baixara dos 11.000 habitantes. Non hai fórmulas máxicas para iso, e non todo depende das políticas municipais, pero entre as claves para conseguir o arraigo de poboación está a dotación de servizos e equipamentos sociais e deportivos, amén do impulso dun tecido comercial que se desangra. Nesas está o goberno rianxeiro, que ten en carteira proxectos tanto de mellora das infraestruturas xa existentes como de creación doutras novas.
A canteira deportiva de Rianxo vai en aumento, e é unha sorte que cada vez máis rapaces formen parte dos diferentes clubs que traballan no municipio, pero iso xera tamén novas necesidades. O crecente volume de fichas federativas en baloncesto e voleibol, por exemplo, fai que as horas de ocupación dos pavillóns estean copadas e non chegan para cubrir o cen por cen da demanda. Para palialo, o Concello ten xa un anteproxecto para a construción dunha nova pista cuberta que viría a ampliar a oferta de espazos dispoñibles. Falta buscar o financiamento para levala a cabo, pero a intención do goberno local é defender un investimento necesario que dotaría á vila dun recinto pechado que completaría o complexo que forman a piscina municipal e o pavillón José Manuel Abuín, Chema.
No que respecta ás instalacións coas que xa conta o Concello, hai importantes melloras que é preciso acometer. A aposta pola conservación e renovación dos espazos deportivos é clara, pero é precisa a colaboración doutras Administracións, como a achega da Consellería de Presidencia que fixo posible a obra de mellora da eficiencia enerxética que vén de acometerse no campo da Lomba. O investimento permitiu instalar uns novos focos con tecnoloxía led no terreo de xogo, así como substituír o antigo sistema de calefacción por outro de menor consumo.
Esta é a liña a seguir, e a prioridade agora é avanzar na renovación do céspede artificial do campo municipal de Vilas, un compromiso adquirido polo goberno e que tratará de materializar no novo ano.
Para os maiores
Se importantes son os espazos para que a rapazada e a mocidade poidan desfrutar do seu tempo de lecer practicando deporte nas mellores condicións, non o é menos dotarse de instalacións nas que as persoas maiores poidan, non só relacionarse, senón recibir a atención que precisan. A posta en marcha do servizo terapéutico para persoas con deterioro cognitivo por parte do executivo de Julián Bustelo coa colaboración de Agadea foi un avance moi importante nesta materia, pero non suple a gran demanda social dos últimos anos en Rianxo: a creación do centro de día.
Téñense dado pasos nos últimos meses de cara á consecución deste obxectivo coa tramitación dun proxecto para adaptar o pazo de Rianxiño a este cometido, unha proposta que xa conta co visto bo de Patrimonio e tamén cun compromiso de financiamento por parte da Deputación da Coruña. Falta que eses recursos prometidos se materialicen e que poidan executarse as obras que permitirán a posta en marcha dun servizo fundamental para moitas familias do municipio.
E nesta liña tamén ten que avanzarse na construción da residencia de maiores impulsada pola Deputación. Rianxo será un dos primeiros municipios nos que se implante o novo modelo provincial de residencias. A localización do recinto xa está definida, será a escasos metros do pazo de Rianxiño, e o Concello traballa no trámite de posta a disposición dos terreos, así que no 2026 o camiño quedará despexado para comezar cos traballos. Unha vez se materialice, o municipio contará cun centro comarcal inspirado nas experiencias dos países nórdicos denominado casa de acompañamento ás persoas maiores.
Esas instalacións contarán con zonas comúns integradas no entorno e programas de convivencia interxeracional. Ademais, incorporarán domótica, telemedicina, sistemas intelixentes de climatización e tecnoloxías de rehabilitación física e cognitiva, un equipamento de vangarda para unha vellez cómoda e activa.
A liña de costa como eixo da acción nos espazos dedicados ao ocio
Rianxo ten na liña de costa un dos seus grandes atractivos, tanto para os visitantes que veñen de fóra como para o desfrute dos veciños. Por iso, a mellora da contorna litoral é un dos eixos da acción do goberno local en materia de conservación de espazos dedicados ao lecer.
Nos últimos meses téñense desenvolvido actuacións de mantemento de zonas verdes e tamén nos parques infantís, así como no paseo marítimo que une a vila coa praia da Torre, un dos buques insignia de Rianxo. Este ano actuouse nun tramo do percorrido —entre Setefogas e A Carballeira— substituíndo os vellos farois por luminarias tipo led grazas a una achega do IDAE e a intención do executivo rianxeiro é continuar por ese camiño, de maneira que ao final do mandato estea renovado a totalidade do alumeado. A maiores, estase a planificar a substitución do firme antigo por un pavimento liso ao longo de todo o trazado, unha mellora que está previsto acometer en diferentes fases.
Outro dos puntos nos que se teñen realizado intervencións recentemente é a praia de Tronco, que contaba cun acceso moi deteriorado que vén de cambiarse para garantir a seguridade na baixada ao areal. E non será a última actuación no litoral antes de que remate o mandato, ou esa é a intención do goberno local, que traballa con Costas nun proxecto para renovar por completo o sendeiro peonil entre Punta Fincheira e Tanxil. Esta é unha antiga reivindicación da Administración rianxeira e, de feito, no seu día xa houbo propostas á Demarcación de Costas para pór en valor esa zona do litoral. Porén, desta volta parece que o ente estatal está pola labor de asumir unha obra ambiciosa.