Agros e Agrelos repártense polo territorio, estremando leira con leira familias de toda a vida
03 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Mesmo á beira da estrada cara á Santiago, a man dereita, levántase a igrexa de Santa María de Asados, en Asadelos, pertencente ao concello de Rianxo. Iniciouse no século XVI e non remataría ata o XVIII, data de construción da súa torre principal.
A parroquia de Asados conta con 17 entidades de poboación vinculadas á explotación agraria, fundamentalmente de carácter familiar. Agros e Agrelos repártense polo territorio, estremando leira con leira familias de toda a vida, desde a época dos Torrado, Bastón, Viturros ou aquel cacique de perfil conservador, José María Vázquez Morales, O Pantuso, aló polo século XIX. De aquí saíron personalidade con influencia en ámbitos como os da literatura, o vate Manuel Antonio; da relixión, Frei Luis Iglesias González, (1767, lugar da Mámoa- 1835 Aranxuez), confesor da raíña Isabel II, cando estes eran figuras nas que se mesturaban as funcións de orientadores espirituais e asesores políticos. Ambidextro nesa rama dou apoio ós liberais das Cortes de Cádiz e saudou o regreso do rei absolutista, Fernando VII.
Catedrático na USC foi ministro xeral da orde franciscana. A mesma bispo emérito Santiago Agrelo, da familia dos Xacobiños, persoa de gran sensibilidade poética e comprometido coa igrexa dos pobres, seguindo a liña de Faustino Rey Romero, outro cura-poeta, natural de Isorna.
Alí, no lugar da Devesa, un letreiro insta a ter coidado cos mastíns, gardiáns do gando, pedindo non achegarse a eles por andaren pendentes de protexer aos animais de depredadores como o lobo. O mesmo que no pasado; só que daquela os lobos eran de dúas pernas.