Unha balea varada no Bodión

RIANXO

BASILIO BELLO

«Escoitámoslle contar moitas veces aos máis anciáns da aldea que a memoria dos vellos garda garabullos e estacas como as que iamos recoller ás toxeiras e logo carretabamos en feixes ao lombo»

10 oct 2021 . Actualizado a las 13:29 h.

Escoitámoslle contar moitas veces aos máis anciáns da aldea que a memoria dos vellos garda garabullos e estacas como as que iamos recoller ás toxeiras e logo carretabamos en feixes ao lombo. Mandábannos nosas nais ir buscar estes paus para que os chícharos e as xudías gabearan por eles. Compañeiros, confésovos que á fiestra dos meus recordos fáltalle polo menos un cristal. Fai pouco tempo descubrín que non lembraba unha historia que non vivín, pero que tivo lugar aos nosos pés e xerou ademais unha grande expectación na nosa contorna (aínda que non como sería agora: sairiamos nos telediarios de todas as teles durante unha semana mínimo). Aínda así, paréceme incrible que non lembre que me teñan contado algo sobre un feito do que si un sobriño meu lle oíu falar á súa nai, á miña irmá máis vella, e ao seu pai.

Pois ben, dese feito souben un atardecer do pasado verán. Saía de Brión en dirección á estrada Abanqueiro-Boiro e parei en Campolodeiro, un lugar onde hai moitos anos había uns olmos e de onde partían catro corredoiras que daban servizo a todas as fincas que rodeaban a aldea. Nos invernos, por mor da auga que se acumulaba e do tránsito de carros e animais, este lugar transmutaba nunha auténtica lameira. Agora nos arredores hai catro ou cinco casas de nova construción e unha marquesiña de autobús onde durante o verán sentan tres mulleres de idade, Divina de Pos, Teresa A Marreira e Teresa A Panchosa, e ás veces unha ou dúas máis novas que elas.

De socato, A Panchosa chamoume e preguntou: «Jonsalo, lojo ti nunca oíches falar da balea que varou debaixo da taberna da Martela, no Bodión?». Contestei que non recordaba que me falaran de tal cousa, aínda que alguén nunha ocasión me dixera algo sobre unha balea, pero entendera que encallara na praia de Agüeiros. Mais A Panchosa insistiu. Que fora no Bodión e que o recordaba ben porque ocorreu cando ela era unha rapaza de oito ou nove anos. Ademais, explicoume que aínda viven outras mulleres dunha mesma idade ou máis ca ela, «como son as túas veciñas Flora Vázquez e Celsa a Calseteira». En efecto, un dos fillos xemelgos de Celsa, Manolo, confirmouno: «Segundo miña nai, que de memoria anda moi ben, efectivamente a balea quedou atrapada entre as pedras e os pilotes que estaban preparados para a construción do porto».

Na opinión das dúas Teresas, as obras comezaron despois da guerra, e pensan que deberon arrancar sobre o 40 ou o 41. A Panchosa lémbrase de que antes, a motora, para coller os pasaxeiros para Rianxo e Vilagarcía, atracaba, cando a marea estaba chea, nun promontorio que estaba fronte da canteira dos do Pazo de Agüeiros. Segundo as mulleres, foron o señor David e Barreiro os que se fixeron cargo do enorme animal, o cal despezaron para facer aceite co que calafatear as adegas dos barcos, pois protexía a madeira da humidade. Non saben se deu resultado ou non, pero si que cheiraba que «apestaba». Viñeron xentes de todos os sitios a mirar o xigantesco cetáceo, mesmo algúns chegaron con utensilios para cortarlle cachos e logo ver se servía para comer. Os rapaces tamén disfrutaron do espectáculo, pois os pais deixaron que andaran por riba do mamífero.

E mentres reflexionaba sobre esta historia tan real (ao parecer, por aqueles tempos moitos cetáceos varaban nos areais do litoral arousán) como fantástica, decateime de que nós non eramos moi afeccionados ás figuras míticas acuáticas, como as sereas. De feito, tardamos moitos anos en descubrir eses seres máxicos e diabólicos, que eran capaces de engatusar os homes mediante a emisión dun son musical que os paralizaba. Nos seus encantamentos mesmo caeu un home tan sagaz e enxeñoso como Ulises, o rei de Itaca.