O retrato de Castelao

Víctor F. Freixanes
víctor f. freixanes VENTO NAS VELAS

RIANXO

14 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

No ano 1927, primeiro na revista Nós e logo en Alma Gallega (Montevideo), Castelao publica o relato O retrato, que despois agruparía con outros textos no libro Retrincos (1934). Durante a epidemia de gripe do ano 1918, o escritor, daquela xa recoñecido caricaturista e pintor, empregado de Estatística en Pontevedra, trasládase dende a capital da provincia á súa vila natal de Rianxo para atender as demandas dos seus veciños, avivado en parte tamén polo seu pai, que sufrían o que as crónicas denominaban gripe española, soldado ruso, catarro de Nápoles. A peste causou unha altísima mortandade en polo menos tres ou catro vagas sucesivas, que comezaron contra a primavera de 1918 e duraron case tres anos. Fálase de entre 25 e 50 millóns de mortos en Europa, que saía da Gran Guerra. Só na vila de Rianxo morreron nos primeiros meses 108 persoas, e en toda Galicia catorce médicos que atendían os infectados. Dende o Goberno Civil prohibiron que as campás das igrexas tocasen a morto, porque non daban feito, e mais para aliviar no posible a alarma xeral. 

O relato de Castelao comeza cunha sentencia moi rotunda: «Por amaina-la a conciencia guindei co me tiduo de médico no fondo dunha gabeta, e busquei outra maneira de me valer». En realidade é unha declaración de impotencia. O relato, que o lector de seguro ben coñece, conta como nunha noite brava do inverno un vello taberneiro, Melchor, demanda os seus servizos porque ten o filliño a morrer.

Mais cando Castelao amosa a súa impotencia, o paisano dille que non demanda a súa ciencia de médico, pois sabe que o meniño non ten remedio. O que o paisano quere é un retrato, para que lle quede un recordo da criatura. E non calquera retrato, senón o retrato do meniño máis bonito do mundo, pois así era como o quería lembrar.

Sempre me impresionou ese relato. Non conto máis porque merece unha lectura demorada: historia breve, pero intensa, que nos trae á memoria daqueles días terribles de hai cen anos, cando outra peste asolou o mundo igual que agora, aínda que sen antibióticos, e sen a ciencia nin os recursos que temos hoxe. A falta doutra cousa, algúns médicos, ademais de consellos severos de hixiene, recomendaban auga con vinagre para purgar o estómago e os máis atrevidos mesmo chegaron a administrar zotal, desinfectante rabioso que se utilizaba para o gando e que nalgúns casos provocou tantos estragos coma o virus. Lembremos os primeiros consellos de Bolsonaro e Trump.

Miguel Anxo Seixas, na súa cumprida e documentadísima biografía de Castelao, dá conta daqueles anos de médico en Rianxo, e da súa entrega cando deixou Pontevedra (xa estaba casado) e se trasladou á vila para atender os seus. Incluído o vello Melchor, que perdeu o fillo.