Muller, bateeira e líder do sector en Rianxo

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

marcos creo

Dolores Gómez ve na falta de relevo xeracional unha das grandes ameazas para os mexilloeiros da ría de Arousa

09 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cursou os estudos para ser administrativa, pero, entre a posibilidade de pasar a súa vida traballando nunha oficina ou a de darlle continuidade á tradición familiar e sucar cada día as augas da ría de Arousa, Dolores Gómez elixiu a segunda. Case o tivo claro cando era unha nena e, no verán, convertía as xornadas de traballo de seus pais na batea en divertidas excursións náuticas nas que tamén botaba unha man e ía iniciándose no oficio. No 1992, cando tiña 19 anos, a rianxeira deu o paso definitivo, converténdose en propietaria dunha das estruturas flotantes dedicadas ao engorde do mexillón que lle dan ese singular aspecto á ría de Arousa.

Aínda que é un traballo duro, que require constancia e vai derivando en diferentes fases ao longo do ano, a Dolores Gómez non hai labor que se lle resista. Recoñece que estes días está na súa salsa, pois pode desenvolver unha das súas tarefas preferidas: «Estamos indo a recoller cría para levala ás bateas. Montar as cordas para despois colgalas da estrutura é unha das miñas actividades favoritas, e iso que non é un proceso doado, porque se fai todo á man». As cordas quedarán penduradas uns tres ou catro meses, e cando o mexillón teña o tamaño axeitado procederase ao desdobre, formado dúas ou ata tres cordas coas pezas da primeira, co fin de que sigan engordando ata que chegue o momento da súa comercialización.

Máis fácil, menos rendible

O proceso é practicamente igual a cando Dolores Gómez comezou, pero o sector experimentou outros cambios importantes. O primeiro, a mecanización de boa parte das tarefas: «Antes había que facer todo á man, pero agora hai máquinas e o esforzo non é o mesmo». E o segundo, a rendibilidade: «Hai anos, coma en todo, pero cando meus pais tiñan a batea, nos 80, o quilo de mexillón vendíase a 90 pesetas (54 céntimos), e agora seguimos practicamente igual; para fábrica, a media está nos 40 céntimos, e para fresco, o máis barato sae a uns 55».

Lembro unha ocasión na que a patroa do barco era unha amiga miña e chegamos as dúas ao peirao cun cargamento de mexillón, e un home preguntounos quen traballara aquilo, como poñendo en dúbida que tivésemos sido nós»

O feito de ser muller nunca freou a Dolores Gómez a lanzarse a un sector que a atraía, aínda sabendo que os homes eran maioría. Asegura ademais que poucas veces se sentiu discriminada: «Lembro unha ocasión na que a patroa do barco era unha amiga miña e chegamos as dúas ao peirao cun cargamento de mexillón, e un home preguntounos quen traballara aquilo, como poñendo en dúbida que tivésemos sido nós, pero pouco máis».

Si se sentiu algo máis cuestionada cando decidiu optar á presidencia de Aspromeri, a Asociación de Produtores Mexilloeiros de Rianxo, que lidera desde hai seis anos: «Ao principio si que notei algunhas reticencias, pero sabían que tiña experiencia e levaban moito tempo véndome no barco, así que acabaron aceptándome». Desde a batea e desde a presidencia da entidade, Dolores Gómez detecta un grave problema para o futuro do sector: «Temos moita xente a piques de xubilarse e non hai relevo xeracional, polo que corremos o perigo de que se produza unha concentración de bateas en poucas empresas». Aínda que a solución é complicada, a rianxeira considera que unha cooperativa podería ser unha boa alternativa.

Liberdade de horarios

Ela, que continúa unha tradición familiar que xa comezara o seu avó materno, non acaba de entender os motivos desa falta de relevo: «Chámame a atención que haxa pais que non vexan ás súas fillas na batea e que prefiran para elas unha oficina, onde ao mellor teñen que traballar máis para gañar o mesmo, e co inconveniente de non poderen xestionar o seu tempo». Deseñar a súa propia axenda é, para esta loba de mar, a gran vantaxe da súa profesión: «Hai períodos nos que temos que traballar de sol a sol, pero case sempre tes liberdade para organizar o teu tempo, e elixes as horas nas que vas ao mar».

O confinamento cambiou pouco a axenda laboral de Dolores Gómez, que nunca deixou de traballar: «Afectounos polas vendas para fresco, pois baixaron drasticamente polo peche do sector hostaleiro, e tamén nos cortou a campaña de Italia, pois alí empezou antes a corentena e freáronse as exportacións». Pero o incremento da demanda por parte da industria conserveira mantivo o sector en pé.

A rianxeira está convencida de que o camiño que emprendeu hai case tres décadas foi o acertado, e ve no ouro negro da ría de Arousa un futuro prometedor: «Hai que afrontar novos retos, como estudar os motivos polos que diminúe a cría, pero o mexillón, ao ser un produto con demanda e un prezo razoable, ten futuro».

receita preferida

Abertos ao vapor e sen condimentos. Así lle gustan os mexillóns a Dolores Gómez: «É como se percibe o sabor real». Advirte que este cambia en función da localización da batea: «Canto máis cara a fóra da ría, máis forte é o sabor».