Aless Ramos: «O que quero é xogar cada domingo»

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro sevilla RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

MARCOS CREO

O eléctrico extremo deixou a Preferente e ao Puebla para baixar dúas categorías e militar no equipo da súa vila

07 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Aless Ramos (Rianxo, 1998) vén de deixar o Puebla para recalar no club da súa parroquia, o Taragoña. Busca seguir gozando dun deporte que lle enche, pero no que apenas tivo opcións este ano. Por iso tomou o camiño de volta a casa. O del é volver a galopar pola banda da Lomba.

-Por que tomou esta decisión?

-Agora mesmo o que quero é xogar. Os cartos chaman a atención, pero non vou estar cobrando só por adestrar. O que quero é xogar cada domingo. De feito, esta temporada os domingos facíanseme estraños ao non ter que ir xogar. Levaba dous anos no equipo e ía tódolos fins de semana, pero esta tempada a cousa complicouse. Non estaba contando moito e facíase duro.

-Pecha desta forma unha etapa. Como a valora?

-A relación que tiña co resto dos compañeiros era moi boa, non había estrelas, éramos todos iguais. E co corpo técnico tamén, non tiven problemas con ninguén, pero deixei de contar para eles e busquei unha saída.

-Formou parte do equipo que conseguiu o ascenso.

-Foron dous anos bos. O primeiro, a pesar de que era a miña estrea de sénior, xoguei más de 1.600 minutos e subimos de categoría. O ano pasado xoguei uns poucos menos, uns 1.400, pero valeume para coller experiencia.

-Non pensou en esperar por unha oportunidade? As temporadas son moi longas.

-Vin o que estaba pasando e moitos de antes non estábamos tendo minutos. As fichaxes son moi boas. En Preferente non hai xente mala.

-E decidiu ir para o Taragoña.

-Está loitando por ascender a Primeira Galicia. O fútbol é diferente, as viaxes tamén, en Preferente vas seis veces a Lugo. Agora tócame Santiago, Negreira, Ordes... Obviamente non foi unha decisión fácil, pero cando queres algo tes que sacrificarte. A intensidade é diferente, e os adestramentos, pero no Puebla xogábamos ao fallo, non te podías equivocar e non te sentes libre. Agora en Segunda vou a gozar máis.

-Xa adestrou co seu novo equipo?

-Si, a verdade é que vinos moi ben, tamén ao adestrador, pareceume moi bo. Falei con el o martes. Esta semana eran 20 adestrando, que non é pouco. Por iso debo ter calma. Sei que me vai custar entrar no equipo.

-Pero vén de dúas ligas por enriba. Malo será non?

-Non sei se irei convocado esta fin de semana. É a primeira semana que vou adestrar. O equipo traballa ben, vai primeiro e sempre é difícil facer cambios cando se logra ganar.

-Segue adestrando a rapaces das categorías base?

-Este ano no, a temporada pasada fíxoseme moi longa. Estiven con rapaces de 13 e 14 anos, que acaban de chegar ao instituto, e non é sinxelo. Agora estou no segundo ano do ciclo e íanme a cadrar coas prácticas polo que nos últimos tres meses non podería encargarme do equipo. Prefiro facer as cousas ben.

-E co Taragoña cal é a súa meta? Ascender?

-Intentar chegar o máis lonxe posible. Non me falaron de ningunha meta, subir non é unha obriga, pero xa que estamos aí creo que hai posibilidades. As segundas voltas sempre son difíciles, pero hai que seguir, e, polo que vin, temos bo equipo.

-E que pode aportarlle?

-Sobre todo axuda, aquí non hai estrelas. Vou con esa idea, tanto de extremo como lateral.

-Xogan contra o Abanqueiro.

-É un partido bonito para xogalo, pero non sei se será o caso. A temporada é longa.